Presentan en Rozas a aeronave Milano, o proxecto civil de maior tamaño

TerraChaXa | LugoXa
Defenden que o Polo Aeroespacial de Galicia conta cunha infraestrutura de primeiro nivel que é o Centro de Investigación de Rozas.
presentacion milano rozas
23 sep 2021

A presentación no CIAR de Rozas do sistema Milano de avións non tripulados, que desenvolveu o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial, dependente do Ministerio de Defensa, contou coa participación de representantes de todas as entidades.

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou o apoio do Executivo de Pedro Sánchez á innovación en Galicia e agradeceu a decidida aposta que fai o Ministerio de Defensa polo Centro de Investigación Aeroportada de Rozas.

O acto contou coa participación da secretaria de Estado de Defensa, Esperanza Casteleiro; o xefe de Estado Maior do Exército do Aire, xeneral Javier Salto; e o director xeral do Centro Tecnolóxico de Desenvolvemento Industrial do Ministerio de Ciencia e Innovación, Javier Ponce, entre outras autoridades.

A presentación do Milano correu a cargo do director xeral do INTA, tenente xeneral José María Salom, e posteriormente o avión non tripulado realizou con éxito o seu primeiro voo público.

O Milano é un sistema aéreo táctico non tripulado de gran autonomía, que opera a altitudes medias, deseñado para realizar operacións de gran autonomía a unha altitude media de voo que constitúe un sistema óptimo como plataforma aeronáutica de investigación e desenvolvemento. Foi deseñado para realizar misións de recoñecemento e vixilancia tanto no ámbito militar como civil, así pode empregarse para a detección e supervisión de incendios forestais ou en materia de protección civil. Ten un peso de 900 kg, acada unha velocidade máxima de 250 km/h e ten ata 20 horas de autonomía.

Tamén asistiu o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, que salientou que a colaboración do Instituto Nacional de Técnica Aeropespacial (Inta) no Polo Aeroespacial de Galicia é clave para consolidar pegada industrial e crear emprego cualificado neste sector.

Segundo dixo, o CIAR dispón dun equipamento de vangarda único en España e deseñado para a experimentación con vehículos aéreos non tripulados; un entorno óptimo que axuda a atraer investimentos especializados cara ao novo parque tecnolóxico e industrial, como xa fixeron compañías como Indra e Babcock.

Nese sentido, o vicepresidente económico apuntou que para a consolidación do Polo Aeroespacial de Galicia vai ser fundamental afianzar a colaboración público-privada. Na parte pública, a través dos fondos europeos Next Generation que deben supoñer un salto de calidade para este proxecto. E, no que respecta á iniciativa privada, manifestou a súa confianza en que se poidan materializar as boas sensacións recibidas ata o de agora coas dez propostas que se presentaron á convocatoria da Xunta para ser futuros socios industriais desta iniciativa de cara aos vindeiros cinco anos.

0.20253300666809