Presentan en Vilalba 'A noite que se foi a luz', de Manuel Castro Santamariña

TerraChaXa
O acto contará tamén coa intervención de Alfonso Blanco Torrado, presidente de Xermolos, e Marisa Barreiro, presidenta do Iescha
presentacion-libro-vilalba
2 Jun 2025

O Instituto de Estudos Chairegos, a Asociación Cultural Xermolos e a Irmandade Manuel María, coa colaboración do Concello de Vilalba, organizan o próximo xoves 5 de xuño de 2025, ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Vilalba, a presentación da novela A noite que se foi a luz, escrita por Manuel Castro Santamariña.

O acto contará tamén coa intervención de Alfonso Blanco Torrado, presidente de Xermolos, e Marisa Barreiro, presidenta do Iescha.

A noite que se foi a luz é a primeira novela de Castro Santamariña e preséntase como unha narración entrañable que arrinca cun apagón durante unha noite de temporal na casa dos avós. Esa falta de luz convértese nunha ocasión única para redescubrir o valor da palabra falada, da memoria e das raíces a través dun diálogo íntimo entre un neto e o seu avó, ao carón da cociña de ferro e á luz dunha vela. A historia lévanos á Galicia rural de décadas pasadas, onde os días eran longos, as vacas tiñan nome, os xogos nacían da imaxinación e as noites estaban cheas de contos arredor da lareira.

Manuel Castro Santamariña, natural de Guitiriz (1958), é mestre retirado e desenvolveu a súa carreira docente en diversos colexios de Cariño, As Pontes, Aranga, Xermade e Vilalba. Sempre vinculado á defensa e promoción do patrimonio cultural galego, é membro activo do Instituto de Estudos Chairegos desde a súa fundación en 2000, organización que presidiu entre 2009 e 2017. Tamén formou parte da AC Xermolos de Guitiriz e do Centro Cultural e Recreativo de Vilalba, ademais de colaborar en numerosas publicacións, revistas e programas de radio e televisión. No ano 2013 publicou Cancioneiro das terras de Aranga, editado pola Deputación da Coruña.

A entrada ao acto será libre e gratuíta ata completar aforo.

⚙ Configurar cookies
0.16577792167664