Presentan en Vilalba a programación xeral de Nadal, que complementa á infantil

As concelleiras de Cultura, Turismo, Comercio e Promoción da Lingua, Mónica González e María Xosé Fernández, deron a coñecer a ampla programación cultural de Nadal que Vilalba ofrecerá desde o 5 de decembro ata o 7 de xaneiro. Esta programación, complementaria á destinada aos máis pequenos, inclúe un total de oito actividades pensadas para todos os públicos.
O programa arranca co tradicional Concurso de Escaparates, que se desenvolverá durante todo o período de Nadal, desde o 5 de decembro ata o 7 de xaneiro. O 8 de decembro, os Monifates actuarán na Alameda a partir das 12:45 horas, mentres que o día 14 está previsto un vermú coa actuación da Duendeneta na praza da Constitución ás 14:00 horas.
Xa o 20 de decembro, o auditorio acollerá o espectáculo María Balteira ás 19:00 horas. O 22, a Coral Luar levará a súa música ás prazas de Santa María e aos exteriores da casa da cultura, nunha actuación que comezará ás 12:30 horas. Para o día de Nadal, o 25 de decembro, a Banda de Música de Vilalba ofrecerá o tradicional Concerto de Nadal no auditorio ás 20:30 horas.
En xaneiro, a música segue sendo protagonista: o día 4 celebrarase o evento Día D Christmas Jazz na Alameda ás 12:30 horas, e esa mesma tarde, ás 20:00 horas, o auditorio será o escenario do Festival de Panxoliñas Corais.