Presentan en Xermade unha nova edición do proxecto Habita Rural
O salón de actos da biblioteca de Xermade acollerá este luns, 10 de abril, ás 12.00 horas a presentación do proxecto #HabitaRural de Ecos do Sur.
Este proxecto contempla a formación especializada dirixida a persoas que queiran emprender na contorna rural, especialmente a aqueles que residan en cidades ou en vilas galegas e desexen lanzar un proxecto de vida no campo.
O ano pasado Muras e Xermade, xunto con Ourol acolleron este proxecto de formación durante seis meses. Tratouse de que 16 persoas que viviron na zona coa fin de atopar vías de emprego e emprendemento no rural.
A ONG coruñesa Ecos do Sur impulsa este proxecto ocupacional de agricultura, gandería e servizos forestais, que se enmarca dentro do proxecto Habita Rural, financiado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. Esta iniciativa é gratuíta e inclúe os desprazamentos, vivenda e manutención das persoas seleccionadas.
En 2021 celebrouse a primeira edición de Habita Rural, que deu como froito un catálogo de oportunidades de emprendemento en Muras, Xermade e Ourol
O proxecto ten como obxectivo revitalizar o rural galego freando o despoboamento e o abandono de terras produtivas. Ao mesmo tempo, explican desde a ONG, ofrécense oportunidades de vida, capacitación e emprego no campo a residentes de lugares urbanos, onde se concentran as principais bolsas de desemprego e exclusión.
As persoas interesadas neste proxecto poden coñecelo na web https://habitarural.org/ ou poñerse en contacto coa organización no correo cooperativas@ecosdosur.org.