Presentan este xoves nas Pontes a Oficina Acelera Pyme de ITG

O Concello das Pontes acollerá o este xoves, 29 de xaneiro, a presentación da Oficina Acelera Pyme de ITG, unha iniciativa dirixida a pemes, persoas autónomas e emprendedoras interesadas en impulsar a dixitalización dos seus negocios. A xornada desenvolverase entre as 10.00 e as 11.30 horas nas instalacións da Seara, no Polígono Industrial de Penapurreira.
Durante o encontro darase a coñecer de primeira man a Oficina Acelera Pyme de ITG, un espazo creado para apoiar aos negocios locais no seu proceso de transformación dixital. As persoas asistentes poderán informarse sobre os servizos gratuítos de asesoramento que se ofrecen, así como sobre oportunidades de innovación dixital e exemplos de casos de éxito xa desenvolvidos.
A sesión permitirá tamén aprender a identificar necesidades tecnolóxicas, acceder a diagnósticos personalizados, coñecer axudas e subvencións dispoñibles e poñer en marcha solucións dixitais adaptadas á realidade de cada proxecto empresarial. A xornada rematará cun café networking, pensado para favorecer a creación de sinerxías e o contacto entre profesionais do tecido empresarial local.