Presentan hoxe en Guitiriz unha campaña de concienciación cidadá
O Concello de Guitiriz presentara este venres 28 de febreiro, a partir das 19 horas na Casa Habanera, a acción de concienciación cidadá sobre a igualdade e contra a violencia de xénero En Guitiriz sementamos igualdade. Trátase dun manual de boas prácticas destinado a que a cidadanía dispoña de suficientes recursos na súa vida cotiá para abordar situacións nas que se producen a desigualdade e a violencia de xénero.
Esta publicación contén información precisa e sinxela para comezar a cambiar actitudes e comportamentos, así como o coñecemento necesario para sermos quen de recoñecer e distinguir o machismo, cambiar a mentalidade e conformar unha sociedade máis igualitaria, positiva e construtiva. Así mesmo, constitúe unha ferramenta práctica e útil para a elaboración de plans de igualdade e/ou a resolución de conflitos desta índole no tecido asociativo.
A iniciativa achegará de xeito directo ás familias a información e ferramentas necesarias para facer fronte a situacións de violencia de xénero e convivir en igualdade. O Concello de Guitiriz distribuirá entre a veciñanza mil exemplares do manual de bos usos En Guitiriz sementamos igualdade, xunto con 70 carteis anunciadores da acción, entre os comercios, centros de ensino e de saúde e bibliotecas da vila.