Presentan o libro cos microrrelatos do concurso vilalbés
A casa da cultura de Vilalba acolleu a presentación do libro Microrrelatos, unha obra editada por Alvarellos na que se poden atopar os 18 traballos que foron premiados no primeiro ano do concurso vilalbés, organizado conxuntamente con Culturalia GZ.
A presentación do libro estivo ao cargo de Elba Veleiro, alcaldesa de Vilalba; Martiño Maseda, de Culturalia Gz, e Henrique Alvarellos, da editorial Alvarellos.
Aproveitouse o acto para entregar tamén os premios da segunda edición do concurso que camiñan con tan bo éxito en en breve sairá a terceira convocatoria.
Así, na categoría infantil os gañadores foron Paula Pérez Cendán, por O día do revés (de Vilalba); Aroa Fernández Jiménez, por Un incríbel refuxio (Baiona) e África Montenegro Feal, con Os ollos de Marta (Vilalba).
En categoría xuvenil o primeiro premio foi para Mariña Maceiras Segovia, con Xardinaxe (Pontevedra), seguida de Nee Barros Fernández, con O exército da perfección (Marín) e Carlota Millor Prado, coa obra Libros (Vilalba).
Na cartegoría de adultos, o gañador foi Pedro Naveira Pedreira, con Remate (A Coruña), ao que seguiu Patricia Torrado Queiruga, Confin (arte) (Porto do Son) e Cristina Arias López, con Fuga Perfecta (As Pontes).
Durante o acto léronse o microrrelatos gañadores e houbo un tempo musical da man de Baruk e Rosana Domínguez.