Presentan o trivial relacionado coa exposición O Fin do Camiño
O Concello de Guitiriz e a Asociación de Hosteleiros de Guitiriz presentan o trivial O Fin do Camiño. Unha alianza co fin de promocionar e difundir entre os veciños e veciñas de Guitiriz o Camiño de Santiago, un dos atractivos principais de Galicia.
Esta actividade, que será a primeira dentro do programa ‘O teu Xacobeo 2021’, nace á par da exposición do colectivo Egeria que se inaugurou hoxe e que estará na Casa Habanera ata o 13 de abril. Céntrase no obxectivo que move a unha persoa a percorrer o Camiño, amosando o aspecto espiritual da vía e do camiñante.
No acto de apertura da mostra estiveron presentes a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, a comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira, o escritor e presidente do colectivo Egeria, Xulio Xiz, a primeira tenente de alcalde, Paula Campo Barral, e a concelleira de Turismo, Pilar Vázquez.
A mostra poderase visitar de luns a venres, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 18:00 horas. O sábado e domingo tamén estará aberto de 10:00 e 12:00 horas.
Mecanismo do Trivial
Froito da exposición nace o trivial, que terá un mecanismo moi sinxelo. En cada establecemento hosteleiro e na Casa Habanera, a persoa que participe atopará un cartel de difusión da exposición, no cal estará impreso un código QR, que levará ao xogo.
Os participantes que respondan de maneira correcta a todas as preguntas entrarán nun sorteo dunha comida para dúas persoas por xentileza da Asociación de Hostalería de Guitiriz, un lote de libros, un pack promocional de Galicia composto por un suadoiro, un lote de máscaras e un chaveiro.
O trivial estará dispoñible desde o 7 ao 13 de abril. Rematado ese prazo procederase a comprobar cales das persoas participantes acertaron todas as preguntas e farase un sorteo entre as mesmas para decretar o gañador ou gañadora, que se anunciará nas redes sociais do Concello e nas da Asociación de Hostalería. Para recoller o agasallo deberá personarse na Casa Habanera, acompañada do seu DNI.