Presentan un teito de ganchillo feito por mulleres en Vilalba
A iniciativa Tecendo Redes 2021 presentou no inicio destas festas un toldo feito a ganchillo por un centenar de mulleres da contorna que decora actualmente a Praza Suso Gayoso, baixando a rúa García Mato, no casco urbano do municipio.
As súas protagonistas son varias mulleres de diferentes puntos do municipio e incluso doutras localidades galegas.
A iniciativa comezou coa proposta a distintas asociacións de Vilalba, como as de Insua, Nete, Santaballa ou a Asociación Amizade. A idea foi chegando a todos os rincóns do municipio, polo que moitas mulleres de Vilalba comezaron a sumarse. As participantes pertencen ao casco urbano de Vilalba e tamén ás parroquias, entre elas Santaballa, Goiriz, Nete, Insua ou Noche. O ganchillo atraeu mesmo a participantes doutros puntos da provincia, como Abadín, Gontán, Saavedra, Duarría, O Pino ou Trobo.
Tecendo Redes foi o nome escollido para o proxecto que terá continuidade de cara a anos vindeiros, en alusión ao ganchillo, á unidade das mulleres e á súa imparable forza.