Presentan unha campaña para a prevención de riscos dos veterinarios nas explotacións de vacún

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Elena Mancha presentou no Colexio de Veterinario a iniciativa Protexe o traballo do persoal veterinario na túa explotación de gando vacún
servicios veterinario vaca2
9 Abr 2022

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, acompañada da xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, presentou no Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo a nova campaña que a Consellería de Emprego e Igualdade, en colaboración coa Consellería do Medio Rural, desenvolverá co título Protexe o traballo do persoal veterinario na túa explotación de gando vacún.

A Xunta quere concienciar da importancia da prevención dos riscos laborais nas explotacións de gando vacún e indicar as medidas preventivas que permitan eliminalos ou reducilos. Nesta ocasión a iniciativa divulgativa pon o foco no persoal veterinario que se despraza ás granxas.

“Queremos chegar a todo o campo galego para que todas as explotacións de gando vacún de Galicia coñezan o que teñen que facer para posibilitar no seu día a día un traballo seguro nas campañas e nas actuacións das veterinarias e veterinarios”, destacou a directora xeral.

A mensaxe que quere transmitir a Xunta con esta iniciativa a este colectivo profesional é de posta en valor da seguridade das funcións que desenvolve, con independencia de que o lugar de traballo sexa cambiante.

Tal e como relatou Mancha, “moitos dos accidentes nas explotacións gandeiras prodúcense cando hai proximidade ou contacto cos animais, e para evitalos é preciso ter en conta as súas reaccións, manter en bo estado as instalacións e dispor dos medios adecuados para facer os traballos de forma segura”.

Entre a documentación técnica que distribuirá o Issga, en colaboración coa Consellería do Medio Rural, recóllense recomendacións para a prevención de riscos no manexo dos animais, aspectos relacionados coa sanidade do gando e os sistemas de inmobilización e contención física das reses, entre outros.

A Xunta está a difundir ademais un vídeo no que da conta destas e outras medidas necesarias para garantir a seguridade no traballo deste colectivo profesional.

Traballo colaborativo

A campaña ten a súa orixe nun grupo de traballo técnico para a análise dos accidentes laborais en Galicia, que conta coa participación activa das organizacións sindicais e empresarial galegas, puxo en valor Mancha, quen incidiu en que na elaboración dos contidos tivéronse en conta tanto a tipoloxía como as causas dos accidentes no sector.

Os materiais distribuiranse entre as explotacións galegas. O obxectivo da Xunta consiste en  achegar a documentación da iniciativa de carácter plurianual a unhas 25.000 granxas de gando vacún galegas; este ano visitaranse unhas 9.000 coincidindo coa campaña de saneamento desenvolvida polo Goberno autonómico. 

A campaña de hoxe é complementaria doutra xa en marcha, Fai da túa explotación de gando vacún un lugar seguro e saudable, que incide máis na prevención de riscos nos lugares de traballo, no manexo dous animais, coa maquinaria e equipos, cos produtos químicos, na manipulación de cargas e na protección da maternidade, o embarazo e a lactación entre as traballadoras.

“Estamos convencidos da necesidade de afondar nunha cultura de saúde cunha visión integral, que supere as obrigas da normativa e avance a estilos de vida saudables tamén promovidos dende os centros de traballo”, manifestou na súa exposición a directora xeral. Mancha anunciou ademais, que a de hoxe será a primeira de varias colaboracións co colectivo dos veterinarios, co que se comprometeu a seguir a identificar nos vindeiros anos ámbitos de mellora das condicións de seguridade e saúde laboral para darlles solución “desde a seguridade, a hixiene industrial, a ergonomía e psicosocioloxía e a vixilancia da saúde laboral”.

0.13556718826294