Preséntase na casa museo de Manuel María o novo libro de Montse Fajardo
A Federación Galiza Cultura, coa colaboración da Casa-Museo Manuel María, organiza este sábado, día 7 de novembro, ás 18 horas, no auditorio da mesma Casa-Museo, en Outeiro de Rei, a presentación do libro A vida incerta. Biografía de Virxinia Pereira, de Montse Fajardo, editado polo Concello de Pontevedra. A actividade encadrada nunha das liñas de acción de Galiza Cultura, como é a recuperación da memoria histórica, contará coa presenza da propia autora.
O libro dá conta da vida de Virxina Pereira, unha persoa que percorreu o mundo na defensa da dignidade e dos dereitos do pobo galego fronte ao fascismo e a impunidade. Desde o seu compromiso partillado co seu compañeiro, Castelao, desde os tempos máis felices ao seu carón na procura do recoñecemento do noso país, até as situacións máis duras na guerra e no exilio, Virxinia deixou pegada en quen a coñeceu e na súa correspondencia, o que permitiu a Montse Fajardo reconstruír o pensamento e a loita desta muller intelixente e combativa que quedou invisibilizada durante décadas e que con esta publicación se recupera para completar a comprensión do noso terríbel pasado e a explicación do porqué do noso presente insastisfactorio.
A actividade é de entrada libre mais por mor das limitacións de aforo, as persoas interesadas en asistir deben inscribirse a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou do whatsapp 698177621.