Prestes aposta pola enerxía fotovoltaica
A queixería Prestes de Vilalba, que fabrica queixo San Simón ou o azul Lara&Sara, anunciou que a finais deste ano prevé que ata un 75% do seu consumo eléctrico proceda do uso de enerxías renovables, grazas á colocación de placas fotovoltaicas nas súas instalacións do polígono Sete Pontes.
En agosto do ano pasado colocaron as primeiras placas, cunha potencia de 17 quilowatts. Contan para esta obra con axudas do Inega, do 40% do investimento. Así nesta primeira dotación lograron cubrir un 15% do seu consumo, que rolda os 38.000 euros ao ano.
Trala primeira modificación, apostaron agora por ampliar esta instalación con outros 40 quilowatts. A actuación levará a cabo este verán, polo que desde a empresa esperan que en setembro poida estar operativa e cubrir así entre o 60% e o 75% do seu consumo eléctrico.
As placas ocupan uns 1.500 metros cadrados do teito da súa nave, que rolda os 3.000, e estiman que nuns cinco anos amortizarían o investimento, que é ademais unha forte aposta por reducir o impacto ambiental. O obxectivo é chegar a optimización do cen por cento do consumo eléctrico.
ESTRELLA GALICIA
Estrella Galicia lanza Bidueira, a súa primeira cervexa afumada, coa colaboración da Queixería Prestes de Vilalba, que afumou a malta co mesmo proceso tradicional co que dan desde fai xeracións o toque final ao queixo San Simón.
Hijos de Rivera, que xa presentou cervexas de terra e mar, introduce por primeira vez «o aire» nas súas receitas con esta nova proposta, unha malta Pilsen afumada con madeira de bidueiro, a mesma madeira que lle dá nome a esta edición inspirada en Rauchbier, as cervexas de fume de Bamberg.
Fábrica de Cervexas Estrela Galicia lanzará ao mercado 10.000 litros desta nova cervexa, que poderá adquirise tanto online, a partir do 25 de xuño, como en puntos de venda seleccionados.