Preto de 1,3 millóns de euros para a mellora da operatividade do peirao de Burela

TerraChaXa | LugoXa
A Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, iniciará o vindeiro ano 2020 as obras de construción do segundo martelo do porto de Burela para garantir un maior abrigo para a frota e operatividade para as embarcacións que fan uso destas instalacións.
5 Dec 2019

A Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, iniciará o vindeiro ano 2020 as obras de construción do segundo martelo do porto de Burela para garantir un maior abrigo para a frota e operatividade para as embarcacións que fan uso destas instalacións.

Así o anunciou a presidenta de Portos, Susana Lenguas, no transcurso dunha visita a este peirao na que estivo acompañada polo patrón maior de Burela, Basilio Otero, e representantes de Armadores de Burela  (Absa) e da OPP de Lugo.

Lenguas Gil -que estivo acompañada na súa visita polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro- precisou que as obras contan cun orzamento de máis dun millón de euros e contemplan a ampliación do porto sur (xunto á lonxa de ABSA) en 8 metros e a construción dun espigón de 50 metros de lonxitude. A súa misión fundamental é a de reducir a axitación do interior das dársenas, ademais de conseguir maior capacidade de atraque e servir de amortiguación á ondada que exerce o dique de abrigo.

Nave de redes

Ademais, a presidenta anunciou que o ente público tamén ten previsto investir o vindeiro ano 237.826 euros en obras de mellora, remodelación e acondicionamento da nave de redes. Con estas actuacións o ente dá exemplo do cumprimento das súas obrigas no referente á construción, mellora e explotación das obras, instalacións, servizos e actividades portuarias e potencia o mantemento e conservación dos portos que son competencia da comunidade autónoma.

Neste senso, a titular de Portos salientou que ambas actuacións son obras necesarias que viñan sendo solicitadas polos profesionais do mar deste peirao, ao tempo que amosou a súa vontade de estudar a viabilidade doutras propostas do sector de cara a mellorar as condicións destas instalacións e lembrou que nos últimos 10 anos a Xunta de Galicia leva investido no porto de Burela preto de nove millóns de euros.

0.19755101203918