Preto de 300 inscritos na XIV Carreira Popular Guitiriz Termal deste domingo

TerraChaXa
Preto de 300 persoas participarán este domingo, 7 de abril, na XIV ‘Carreira Popular Concello de Guitiriz Termal’ organizada polo Concello, en colaboración co Club Atletismo Guitiriz e coa Xunta Local de Loita Contra o Cancro de Guitiriz.
presentacion carreira guitiriz termal
3 Abr 2024

Preto de 300 persoas participarán este domingo, 7 de abril, na XIV ‘Carreira Popular Concello de Guitiriz Termal’ organizada polo Concello, en colaboración co Club Atletismo Guitiriz e coa Xunta Local de Loita Contra o Cancro de Guitiriz.

Hoxe, mércores 3 de abril, tivo lugar a presentación do evento, na que participaron a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira; o concelleiro de Deportes, Iván Morado, e o atleta local e presidente do Club Atletismo Guitiriz, Toño Teijido.
Marisol Morandeira agradeceu aos colaboradores a súa axuda e “sobre todo á inestimable axuda do Club Atletismo Guitiriz na organización do evento, unha entidade que comezou a andar este ano e que está acadando moi bos resultados”. “Xa creáramos canteira coas escolas e mantendo a carreira popular, ter un club como este é todo un éxito”, afirmou.

Sobre a carreira, salientou que “o recadado, tanto a través das inscricións como da Fila 0, irá parar a Xunta Local de Loita Contra o Cancro de Guitiriz” e lembrou que “o prazo de inscrición remata hoxe pero a Fila 0 estará aberta ata o domingo”.

Pola súa parte, Toño Teijido explicou que a carreira comezará ás 11:30 horas coa categoría Biberon e a proba absoluta está programada para iniciarse ás 12 horas. “O circuíto consistirá en dar dúas voltas con saída desde o Campo da Feira ata os Sete Muíños”, explicou, engadindo que “os premios non serán acumulativos, se gañas a carreira non serás o gañador da categoría, o obxectivo é repartir os trofeos xa que esta é unha proba solidaria”.

Aínda é posible inscribirse

Iván Morado lembrou que as persoas interesadas en participar, tanto nas diferentes modalidades de carreira como na andaina, aínda poden apuntarse ata hoxe, mércores 3 de abril, ás 23:59 horas na páxina web https://guitiriztermal.ccnorte.com.

En función dos grupos de idade, a carreira desenvolverase en diferentes modalidades e distancias. As categorías son: Andaina (adultos e menores)-9.000 metros; Biberóns (2017 e posteriores)-200 metros; Sub12 (2013-2014) e Sub10 (2015-2016)-800 metros; Sub16 (2009-2010) e Sub14 (2011-2012)-1560 metros; e Absoluta (2008 e anteriores)-5.000 metros.
Os dorsais poderán recollerse de 10 a 11 horas no Campo da Feira e habilitaranse duchas no pavillón municipal Jonathan Carro.

Dispositivo de tráfico

Estará prohibido estacionar o domingo 7 de abril desde as 9 ata as 14 horas na marxe esquerda (sentido baixada) da rúa Rio Forxá e na contorna da Praza do Campo da Feira. Ademais, o tráfico permanecerá cortada ese día en horario de 10 a 13:30 horas nas seguintes rúas: praza Campo da Feira, rúa do Mercado, avenida Poeta Díaz Castro (desde a praza do Campo da Feira ata a intersección co Paseo dos Sete Muíños. Ademais, entre as 11 e as 13:30 horas existirán cortes de tráfico temporais no Paseo dos Sete Muíños e na Rúa Costaneiras.

Nas rúas afectadas polos cortes de tráfico estará permitido o estacionamento de vehículos (a excepción dos lugares indicados), se ben durante o tempo en que o tráfico estea cortado non se permitira a súa posta en marcha e circulación.

Ademais, quedarán inhabilitados os puntos de recargar eléctricos.

0.17477607727051