Primeira reunión nas Pontes para a implantación de industrias de fibra forestal
O Concello das Pontes acolleu, esta mañá, a primeira reunión do grupo de traballo para a avaliación das potencialidades da comarca de Ferrolterra para implantación de industrias de fibra forestal.
Este encontro, presidido polo alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, e o secretario xeral de Industria e Pequena e Mediana empresa, Raül Blanco, contou coa participación de representantes da Asociación Española de Fabricantes de Pasta de Papel (Aspapel), Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña e representantes do tecido empresarial e comercial local.
A reunión tiña como principal obxectivo analizar as tendencias do mercado do sector da fibra forestal e coñecer os segmentos de produción con maior desenvolvemento para atraer actividades e proxectos de futuro cara As Pontes e a comarca para, deste xeito, aproveitar a fortalezas forestais e recursos industriais do municipio.
Durante esta primeira toma de contacto, os axentes reunidos subliñaron a importancia de contar no municipio con proxectos empresariais vinculados á transformación da madeira e da fibra forestal xa que representan grandes oportunidades de expansión empresarial e para a posta en marcha de novas liñas de produto con alto valor engadido.
Nese sentido fixeron fincapé na evolución positiva do mercado grazas ao crecente incremento da demanda de papel e de cartón, como consecuencia o auxe do comercio electrónico e a paquetería, á substitución de materiais plásticos por papel e por derivados moi avanzados así como polo seu emprego como combustible para a produción de enerxía.
O rexedor local, ao remate do encontro, calificou a reunión como moi produtiva, xa que nela "estiveron presentes os principais axentes para o estudo e avaliación da implantación, en Ferrolterra, de industrias vinculadas á fibra forestal, e analizáronse as posibles aplicacións que se poderían asentar na zona co obxectivo esencial de xerar emprego nunha comarca castigada pola súa falta".
Pola súa banda, o secretario xeral de industria, valorou positivamente a primeira reunión deste grupo de traballo e referendou o compromiso do Ministerio de Industria para "traballar de forma conxunta co Concello das Pontes, a Universidade da Coruña, implicando á Xunta de Galicia e outros Ministerios, para avanzar na procura de empresas que podan materializar os seus proxectos na localidade, abrindo novas vías para aumentar tanto capacidade industrial como laboral das Pontes"
Os axentes reunidos acordaron elaborar un mapa cos principais activos presentes no territorio - chan industrial, materia prima, recursos enerxéticos, reservas acuíferas, vías de comunicación, plataformas loxísticas, entre outros- así como un mapa sobre tendencias do sector para identificar oportunidades empresariais e proxectos de cara a súa posible implantación nas Pontes.
O grupo traballará durante ás próximas semanas nesa liña para obter una radiografía precisa das potencialidades industriais, vinculadas ao sector da fibra forestal, no concello das Pontes así como identificar proxectos empresariais que se axusten ás capacidades locais. O grupo reunirase de novo no mes de outubro para expoñer as primeiras conclusións destes traballos.