Primeiras declaracións sobre a decisión de Alcoa San Cibrao

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
28 Maio 2020

O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, Fran Cajoto, amósase preocupado polo futuro da planta de Alcoa en San Cibrao. A posible desaparición da sección de Aluminio suporía a perda de 500 empregos directos e doutros moitos indirectos. Cajoto subliñou que esta empresa é necesario defendela conxuntamente ao marxe de cores políticas diante do Goberno do Estado e da Xunta de Galicia. O presidente da Mancomunidade convoca aos alcaldes a unha xuntanza urxente que se celebrará mañá, venres, ás 19.30 horas por vía telemática.

Fran Cajoto declarou que “estamos todos os alcaldes da Mariña moi preocupados co último anuncio da factoría, polas informacións que nos chegan. Estase a falar de que podería pechar toda a parte de Aluminio na fábrica de Alcoa. Isto implica a perda de emprego para 500 traballadores directos da propia factoría máis todos os indirectos”.

O presidente da Mancomunidade destacou que “de Alcoa comemos todos. De Alcoa vivimos moitas familias da Mariña. Dá traballo tamén ao sector do transporte, sector servizos… e non podemos prescindir dela. É un valor que temos que defender diante de quen sexa, independentemente da cor política. Temos que esixirlle ao Goberno Central que se aprobe xa ese estatuto do electrointensivo, e temos que esixirlle á Xunta de Galicia que faga os seus deberes dentro das competencias de Industria que ten exclusivas establecidas no Estatuto de Autonomía”.

BNG

O BNG reacciona con urxencia poñendo sobre a mesa dúas propostas para evitar o peche da factoría, a morte de toda unha comarca e un golpe devastador para o sector industrial do país: nacionalización da factoría e tarifa eléctrica galega.

“Propoñemos a intervención pública da empresa, nacionalizar Alcoa para evitar o seu peche e manter a produción e o emprego”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, tras modificar a súa axenda para abordar este asunto capital para Galicia. A líder nacionalista subliñou que a factoría de San Cibrao xa foi unha empresa pública, polo tanto sería facer un camiño inverso, e destacou que a nacionalización de empresas é algo que están facendo os países do entorno europeo como Italia, -precisamente no sector de aluminio-, ou Alemaña onde, coa chanceler Angela Merkel á fronte, se nacionaliza de facto nada menos que a compañía aérea Lutthansa.

“Non podemos permitir que se peche a factoría de Alcoa na Mariña porque iso implica soterrar unha comarca enteira e hai que poñer en marcha toda a presión institucional e social para garantir o futuro do emprego, porque nun momento de crise como o actual é máis relevante que nunca preservar os postos de traballo. Galicia non pode seguir vendo como se desmantela o sector industrial ante a pasividade do Goberno central como da Xunta, nin esta pode ser a primeira nova da desescala”, recalcou Pontón.

A nacionalización, explicou, reúne todos os requisitos desde o punto de vista legal, porque conta co amparo do Estatuto de Autonomía, do marco constitucional e tamén da normativa europea, polo que “estamos falando dunha cuestión de vontade política para manter viva unha comarca”, alegou a candidata nacionalista á Presidencia. O BNG tamén considera que a intervención pública debe aplicarse á antiga Alcoa na Coruña, hoxe en mans dun fondo especulativo.

Partido Popular

O Partido Popular de Lugo asegura con rotundidade que o Goberno presidido polo socialista Pedro Sánchez, co apoio do comunista Pablo Iglesias, é nefasto para Lugo como se demostrou desde os primeiros días da lexislatura. Agora confírmase unha vez máis ao ver que por culpa da súa inacción e da súa falta de compromiso, Alcoa-San Cibrao, que representa o 30% do PIB da provincia de Lugo, anuncia un despido colectivo que afectará a 540 traballadores. Os populares din que o Goberno central, coa complicidade dos socialistas lucenses e dos seus socios nacionalistas, moi sinaladamente dos alcaldes do PSOE, actúa como enterrador dunha industria que é vital para A Mariña e para toda a provincia de Lugo.

A presidenta provincial do PP, Elena Candia, destaca que a inacción do goberno e as súas decisións erradas son nefastas para a provincia de Lugo, como xa se viu co peche de Endesa-As Pontes, que daba emprego a numerosos veciños da provincia de Lugo. Candia espera que os socialistas lucenses cambien o paso e poñan os intereses de Lugo e de Galicia por enriba dos de partido e esixan do Goberno central que corrixa a súas políticas de xeito que non desmantelen a industria lucense.

Xunta de Galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asegurou que a decisión da factoría de Alcoa en San Cibrao é consecuencia da “inacción” do Goberno central e da súa falta de compromiso e de resposta á hora de establecer un prezo eléctrico competitivo para a industria electrointensiva. Ante esta situación, aseverou que a Xunta de Galicia seguirá ao lado dos traballadores, facendo con eles “unha fronte común”.

“A aposta ten que ser o emprego, ten que ser a industria, e o Goberno ten a última oportunidade de rectificar e non deixar á súa sorte a 500 familias que dependen dunha decisión política que non é outra que fixar un prezo eléctrico competitivo ás empresas electrointensivas”, remarcou Conde.

Segundo dixo, nun contexto de dificultade económica e social a nivel europeo, países como Francia e Alemaña están apostando pola industria e están adoptando decisións en favor da industria electrointensiva, mentres que o Goberno está abocando ao peche a unha empresa como Alcoa e impedindo que España poida fabricar aluminio primario.

Conde lembrou que a Xunta leva máis de ano e medio reiterándolle ao Goberno que asuma as alegacións que se presentaron desde Galicia ao borrador de Estatuto dos consumidores electrointensivos que aínda está sen aprobar. E avanzou que o Executivo galego fará “unha fronte común cos traballadores” porque, segundo dixo, “non parece razoable que, nun contexto onde a prioridade é o emprego e a industria, haxa un Goberno en España que lle peche as portas a 500 traballadores e á industria electrointensiva en Galicia e en España”.

0.17487788200378