Primeiro aniversario de 'A Chave de Bascuas'
O proxecto 'A Chave de Bascuas' celebra o seu primeiro aniversario lanzando en Youtube a curta ata agora só dispoñible online a través da plataforma Vimeo e doando a exposición de fotografías realizadas por Foto Suso ao proxecto desenvolto pola Asociación Cultural Xermolos “Salvemos a Casa de Díaz Castro”.
O aniversario da estrea celébrase este sábado 28 de outubro e a organización aproveita dito aniversario para facer unha valoración de este último ano no que o proxecto pasou por colexios, institutos, facultades, asociacións e actos organizados por toda a comunidade e na Galicia da emigración. Así, a lenda chegou a numerosas persoas, tanto pola distribución de 1500 DVD por parte da Fundación TIC así como os actos organizados por toda a comunidade.
Con motivo do paso dun ano, a curta poderá ser visualizada tamén en Youtube tanto en galego como subtitulada en castelán. E o equipo tamén quere contribuír ao proxecto que está a desenvolver a asociación Xermolos agasallándoo cunha exposición de 18 fotografías (doce autoría de Foto Suso e catro de Julián Arias) que foron viaxando polos lugares nos que se espallou a lenda.
O equipo coordinado por Bruno Pena aproveita para "dar as grazas a cada un dos que fixeron posible o proxecto e anima aos apaixonados do mundo audiovisual a seguir realizando proxectos reivindicando e dando a coñecer anacos da cultura galega".
YOUTUBE EN GALEGO: https://www.youtube.com/watch?v=GKRKqCUOtVg&feature=youtu.be
YOUTUBE SUBTITULADO EN CASTELÁN: https://www.youtube.com/watch?v=aCeF9Q4kWyE&feature=youtu.be