Primeiro posto para a base da loita vilalbesa
O Club de Loita Vilalba acadou o primeiro posto na Liga Galega de Deporte de Base da Secrataría Xeral para o Deporte despois de loitar a fase final que tivo lugar no Pavillón Municipal de Oira en Ourense este sábado 28 de maio.
Foi unha xornada intensa con centos de nenas e nenos de máis de 10 clubs clasificados para esta final. O equipo estivo formado polo nenos e nenas das escolas municipais de loita de Vilalba e de Xermade e con 43 deportistas, 7 delas nenas, foi o máis numeroso nesta xornada e aínda que estamos moi contentos co 1º posto acadado por equipos, foron varios os e as deportistas do club que quedaron sen poder facer enfrontamentos e demostrar ás nais e pais que nos acompañaron o que aprederan ao longo do curso.
Con esta actividade remata a tempada de deporte escolar aínda que non descartan organizar ou participar noutras actividades para que os e as deportistas que apenas tiveron ocasión de loitar nesta xornada podan amosar o aprendido durante este curso.
Aínda que as escolas deportivas rematan en xuño, o club tentará manter adestramentos durante o verán para aqueles e aquelas deportistas que desexen manter a actividade así como para todos e todas aquelas que desexen coñecer ou probar este deporte.