Primitivo Iglesias pide o voto para darlle continuidade ao modelo da Pastoriza
O alcalde da Pastoriza e candidato á reelección polo PSdeG, Primitivo Iglesias, pediu este venres o voto “para darlle continuidade na Pastoriza a un modelo no que as persoas son o primeiro”. Fíxoo no encontro coa veciñanza que se celebrou este venres no salón de actos da casa do concello e que puxo punto e final á campaña electoral no municipio coa participación da Deputada no Congreso Ana Prieto e do ex alcalde de Lugo, José López Orozco.
“A pesar da pandemia, o balance destes catro anos de Goberno é positivo, porque soubemos poñer por diante o benestar da xente. Repartimos máscaras e material para manter seguras ás persoas e apoiamos o comercio local”, valorou Primitivo Iglesias. “Conseguir o centro de día ten que ser a nosa máxima prioridade estes catro anos. Levamos tempo traballando por telo, e entendemos que é moi necesario”, asegurou o socialista, que impulsará tamén as comunidades enerxéticas no seu municipio para conseguir mellor prezo da luz para a veciñanza.