Produtores recollen firmas contra a prohibición da Xunta de vender aves nas feiras

A Xunta de Galicia comunicou á organización da Feira de Parga "de xeito unilateral" que se cancelaba o acordo establecido coa feira no tocante a venda de aves no recinto feiral; quedando polo tanto prohibida dita venda, que xa foi efectiva o pasado día 9.
Ante este feito, a directiva da Feira de Parga acordou solicitar entrevista cos tres grupos políticos con representación no Parlamento Galego dado o acumulo de problemática en diversos ámbitos referidos ás feiras do rural galego.
Polo de pronto, este domingo estarán na Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá recollendo sinaturas en colaboración co Concello de Friol para reclamar ao Servizo de Sanidade Animal da Xunta de Galicia que podan volver comercializarse estes animais e levantar as restricións nas feiras de Parga e Momán.
Aseguran desde a asociación, que xa estaba cumprindo coas restricións desde xaneiro, que non é certo que exista un avance da gripe aviar. "No ano 2024 e o que levamos do actual, no centro de Europa, ten habido casos de granxas de aves de curral con problemas pola gripe aviar (influenza aviar) pero en España neste período, non houbo ningún caso, polo que España considérase libre. Soamente houbo algúns casos atopados en aves silvestres coma as gaivotas, case todas aparecidas mortas en praias galegas (o último caso no mes de novembro)".
Tendo en conta o problema en Europa, o Ministerio de Agricultura vén de prohibir a cría das galiñas ao aire libre e como método de prevención nas zonas de especial risco (ZER), debido a que son zonas de paso das aves migratorias, que poden trasladar o virus. En Galicia estas zonas son os concellos de Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa. "Unicamente nestes concellos se teñen que pechar as aves coma precaución. Así que no resto dos concellos vida normal". Iso si, coma sempre, recomendámosvos extremar as medidas de bioseguridade (limpeza, vixiar a entrada doutras aves, etc).