Profesionais de distintas partes do mundo cítanse en Xermade no XVII Encontro Internacional de Torneiros da Madeira

TerraChaXa
Xermade volve converterse nun espazo de formación e exhibición de referencia do sector artesán galego entre o 22 e o 24 de setembro coa celebración do XVII Encontro Internacional de Torneiros da madeira que contará coa presenza de catro expertos e profesionais da artesanía: a inglesa, Margaret Garrard; o suízo, Jérôme Blanc; o vigués, Adrián Pena; e o veciño das Pontes, Lolo Castro.
xvi encontro intrnacional torneiros
19 sep 2017

Xermade volve converterse nun espazo de formación e exhibición de referencia do sector artesán galego entre o 22 e o 24 de setembro coa celebración do XVII Encontro Internacional de Torneiros da madeira que contará coa presenza de catro expertos e profesionais da artesanía: a inglesa, Margaret Garrard; o suízo, Jérôme Blanc; o vigués, Adrián Pena; e o veciño das Pontes, Lolo Castro.

Estes mestres do torno realizarán demostracións en vivo e compartirán as súas técnicas cos asistentes. Ademais, haberá postos de venda de maquinaria, ferramentas artesanais, publicacións e camisetas conmemorativas, así como exposicións de pezas torneadas en anteriores edicións.

As pezas máis elaboradas e con mellor acabado desta edición serán seleccionadas para a exposición itinerante CONtornos 2017-18 que chegará a Concellos e outras entidades que a así o desexen antes de pechar o ciclo na vindeira edicións dos Encontros Internacionais da Madeira en Xermade.

Encontro Internacional de Torneiros
Alfonso Franco, torneiro de Cabreiros (Xermade) e integrante da Asociación Amigos da Madeira das Pontes, indica que “o Encontro mantén a ilusión de facer medrar o mundo dos torneiros co obxectivo de facer renacer unha actividade que estaba condenada a desaparecer; xa que se trataba dun oficio vencellado á elaboración de utensilios de uso doméstico. Foi coa elaboración de pezas especiais –de diversas formas, materiais, texturas ou mesmo cores coas que resaltar a beleza intrínseca da madeira- que o oficio tomaba outro enfoque para sobrevivir”. Apunta que “esta modalidade non existía en España, pero si en Francia ou o Reino Unido”. Por iso, os Encontros foron vitais para achegar profesionais doutros lugares que ofreceran distintos puntos de vista sobre a supervivencia do oficio”.

Coincidindo coa posta en marcha dos Encontros eran 4 ou 5 os torneiros cos que contaba Galicia e arredor da vintena os do conxunto de España que se dedicaban á elaboración de pezas artesás ata que renace en Xermade o oficio. Agora o número de torneiros en Galicia achégase aos 200.

Trala recuperación do oficio, o sector traballa agora no seu posicionamento no mercado. “Falta poñer en valor as pezas”, segundo indica Franco, “tomando consciencia do traballo que da rematar a peza”. Iso, permitiría ao torneiro vivir do seu oficio, continúa. Nese sentido, defende que “se trata de pezas exclusivas que nada teñen que ver coas elaboradas en serie”. E, en Xermade poderanse ver durante estes Encontros Internacionais de Torneiros da Madeira pezas exclusivas no seu acabado, pola súa técnica ou forma que achegarán torneiros de primeiro nivel mundial. Igualmente, aínda que os galegos tenden a realizar pezas útiles, tamén realizan e achegan ao Encontro “pezas para distinguirse e coas que se poida aprezar o seu traballo”.

Técnicas e materia prima

O torneado da madeira non se escapa á globalización. De feito, os distintos encontros sectoriais serven para dar a coñecer técnicas de distintos lugares coma o Reino Unido, Suíza, Alemaña, Grecia ou Francia. Así, cada torneiro adquire a técnica que mellor se adapte ao seu estilo e á madeira que empregue contribuíndo á aparición de tantos estilos únicos coma torneiros. “É fácil recoñecer o autor pola peza”.

Galicia dispón dun amplo abano de madeiras apropiadas para o seu torneado: bidueiros, piñeiros, pradairos, etc. Alfonso Franco apunta que “son abundantes e se poden empregar para o torno”. Ademais, “son madeiras moi veteadas e coloridas e, polo tanto, moi aprezadas”.
Cataluña e o País Vasco exportan pezas pequenas de madeira de buxo, bidueiro ou pradairo para o seu torneado, cando en Galicia “non se lle da valor a pesar de ter tanta accesibilidade á madeira”. É por iso polo que cre que “trala posta en valor da nosa actividade e das propias pezas, débese traballar nas distintas canles de comercialización cara ao exterior da comunidade”. E isto inclúe tamén a madeira para o torneado que na actualidade non se ofrece en Galicia; xa que “os serradoiros pequenos desaparecen e os grandes non o contemplan entre as súas liñas de negocio”. A este respecto recorda que “o valor da madeira increméntase dende o monte ata a tenda onde se vende a peza traballada polos torneiros e selada como Artesanía de Galicia”.

Amigos da Madeira
A Asociación Amigos da Madeira (As Pontes), con 58 socios, ten como obxectivo a promoción e a ensinanza da talla e, principalmente, o torneado da madeira. Coa colaboración do Concello das Pontes, durante o curso escolar desenvolve obradoiros de iniciación ao torneado e á aplicación de diversas técnicas. De feito, o colectivo facilita os tornos e as gubias.

Os Amigos da Madeira colaboran co Concello na organización técnica e tamén con outras asociacións de España a través da súa asistencia ás distintas feiras e encontros que se celebran en Asturias, o País Vasco, Cataluña ou Tenerife a onde se achegaban a comezos de setembro. Á Feira de Artesáns de Pinolere que aglutina a máis de 200 disciplinas achegábanse torneiros de Inglaterra, Grecia, Alemaña, Cataluña, Navarra, Madrid, Tenerife e Galicia que foron visitados en tres días por 20.000 persoas.

amigos madeira aspontes
0.18739199638367