Promoven o irmandamento entre a Festa da Filloa e a Feira do Queixo e Pan de Ousá de Friol

A Festa da Filloa de Muimenta volverá apostar este ano pola colaboración con outras citas gastronómicas destacadas de Galicia a través de diferentes irmandamentos. Entre eles figura o que se realizará coa XXXII Feira do Queixo e Pan de Ousá, que se celebra no concello de Friol e que, do mesmo xeito que a propia Festa da Filloa e a Feira do Viño de Amandi, conta coa consideración de Festa de Interese Turístico de Galicia.
A Festa da Filloa obtivo este recoñecemento por parte da Xunta de Galicia o 20 de febreiro de 2008. Ademais, en setembro de 2023 foi distinguida co Premio á Excelencia Turística da provincia de Lugo, mentres que as súas filloeiras e filloeiros recibiron o galardón V ao Veciño Exemplar.
A comisión organizadora deste evento é a mesma que se encarga da Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu), polo que ambos encontros se preparan de maneira simultánea. Dende a organización da Festa da Filloa continúan apostando pola cooperación entre celebracións deste tipo para fortalecer o seu impacto turístico e cultural.
Tras o éxito da edición anterior, a Festa da Enfariñada de Trabada e a Festa do Requeixón de Vilamartín Pequeno, no concello de Barreiros, volverán participar o próximo 1 de maio no recinto feiral “Manuel Vila López” de Muimenta.
Nesta edición tamén se ampliaron os convites con novos irmandamentos. Entre eles destaca o establecido coa Feira do Viño de Amandi, no concello de Sober. O pasado mércores 11 de marzo dúas filloeiras visitaron a Ribeira Sacra e, como resultado dese encontro, dúas adegas desta denominación de orixe participarán na Festa da Filloa de Muimenta o vindeiro 1 de maio.
O irmandamento coa XXXII Festa do Queixo e Pan de Ousá terá lugar coincidindo coa celebración desta feira gastronómica, que se desenvolverá o domingo 22 de marzo no municipio de Friol.
Con este tipo de iniciativas preténdese non só estreitar lazos entre celebracións similares, senón tamén ampliar a súa proxección en concellos e comarcas onde este tipo de eventos poden resultar menos coñecidos para a veciñanza.
Dende que comezou a organizarse a Festa da Filloa, a implicación veciñal foi clave para o seu desenvolvemento. Ademais da participación dos habitantes de Muimenta, colaboran tamén persoas de localidades próximas, sumando preto de douscentos voluntarios que ao longo da xornada elaboran filloas, churrasco, queimada e café, ademais de atender ás persoas que se achegan á vila para xantar durante a celebración.
A organización da Festa da Filloa corre a cargo da Asociación de Empresarios de Muimenta a través das comisións da Moexmu. Na preparación do evento colaboran tamén o Concello de Cospeito, a Deputación Provincial de Lugo —a través das áreas de Turismo e Cultura—, a Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela e numerosas empresas e particulares.