Promoven unha xornada sobre dixitalización no sector lácteo na Granxa Gayoso Castro

TerraChaXa
A sesión, enmarcada no proxecto europeo SmartAgriHubs, comeza o mércores ás 10.00 horas nas instalacións da Deputación de Lugo en Castro.
centro muxido granxa gayoso castro
6 Sep 2021

A sesión, enmarcada no proxecto europeo SmartAgriHubs, comeza o mércores ás 10.00 horas nas instalacións da Deputación de Lugo en Castro. A inscrición é gratuíta a través do formulario habilitado na web.

O centro tecnolóxico Gradiant e a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) celebran este mércores 8 de setembro, a partir das 10.00 horas, nas instalacións da Granxa Experimental do Campus Terra da USC, localizadas en Castro Ribeiras de Lea, unha xornada sobre dixitalización do sector lácteo promovida ao abeiro do proxecto europeo SmartAgriHubs para presentar e dar a coñecer os principais resultados do proxecto galego FIE32 (Data-Intensive Dairy Production).

O director de Agacal, José Luis Cabarcos; o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Tomé, e a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, participarán na apertura deste evento demostrativo, no marco do que se celebrarán dúas mesas de debate sobre a transformación dixital no agro e a modernización do sector lácteo, ademais da presentación das innovacións tecnolóxicas do FIE23 SmartAgriHubs, a cargo das entidades galegas representadas nesta iniciativa europea, na que xunto co Campus Terra da USC, CIAM e Gradiant, tamén toman parte as pemes Monet Viticultura, 3edata, Seragro, Elmega e Alltech Spain.

Programa

O enxeñeiro de Telecomunicacións Marcos Álvarez, de Gradiant, moderará a mesa de debate sobre desafíos e oportunidades que depara a transformación dixital no agro, unha temática sobre a que tratarán o director do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e coordinador do FIE23 SmartAgriHubs, Manuel López Luaces; a xerente de DIH Datalife, Lucía Castro Díaz, a directora adxunta do CITiUS da USC, Paula López, e o director de 3edata, Marcos Rubinos.

O profesor e investigador da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo Quico Ónega guiará, a partir das 12.30 horas, o coloquio sobre a modernización do sector leiteiro galego, no que intervirán como relatores o investigador do CIAM César Rech, o profesor e investigador da USC Ramiro Fouz, Antonio Lenza, de DeLaval, e Laura Aldariz, en representación de SAT Varela..

Inscricións

As persoas interesadas en tomar parte neste evento, que tamén será retransmitido en liña a través da ligazón http://ir.gl/sah2021directo,  poden formalizar a súa inscrición de balde a través do formulario xa dispoñible na web. Tamén se pode acadar máis información respecto destas xornadas, que teñen un aforo limitado, a través do enderezo de correo electrónico pedrofiz.rocha@usc.gal ou no número de teléfono 630 526 850.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17455005645752