Promóvense conversas sobre emprendemento feminino no polo de Friol

TerraChaXa | LugoXa
Preto dun 70% das persoas emprendedoras que participan no polo de Friol son mulleres con diferentes perfís en canto a idade, orixe e motivacións.
15 Dec 2023

Preto dun 70% das persoas emprendedoras que participan no polo de Friol son mulleres con diferentes perfís en canto a idade, orixe e motivacións.

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, participaron en Friol na actividade Conversas de emprendemento feminino, organizada pola Xunta no polo para, entre outros retos, impulsar o emprendemento femininino creando redes de contactos entre as mulleres emprendedoras, tanto da Rede como de fóra, e promovendo sinerxías no que o polo sexa un catalizador das mesmas. Así mesmo, a iniciativa pretendeu dar visibilidade aos proxectos de emprendemento do polo de Friol e mellorar a formación das mulleres participantes a través das reflexións xurdidas na xornada.

Preto dun 70% das persoas emprendedoras que participan no polo de Friol son mulleres con diferentes perfís en canto a idade, orixe e motivacións. Destacan, ademais, pola súa creatividade e resiliencia polo que a xornada xurdiu para compartir as experiencias dunhas con outras para reforzar a súa formación e habilidades. En total, están a tomar parte 50 persoas emprendedoras neste polo no que se realizaron desde a súa posta en marcha 94 titorías.

A Rede de polos de emprendemento e de apoio ao emprego, que a Xunta puxo en marcha en xullo de 2022, xa conta con 12 centros distribuídos por toda a xeografía galega dos que catro están emprazados na provincia de Lugo: ao de Friol súmanse os da Fonsagrada, Monforte de Lemos e Mondoñedo. Estes catro centros asesoraron a 205 persoas emprendedoras (59% mulleres) con proxectos pertecentes a diversos sectores de actividade entre os que destacan a hostalería (25%), os servizos (12%) e os vinculados con actividades profesionais, científicas e técnicas (11%). Nestes polos da provincia realizáronse 520 sesións de traballo conxunto e de acompañamento.

A Xunta prevé pechar este 2023 con 15 polos abertos por toda a xeografía galega. Na actualidade, están en marcha, ademais dos catro da provincia lucense, os de Coristanco, Melide, Ferrol (A Coruña); Silleda e O Porriño (Pontevedra); e Verín, O Carballiño e O Barco de Valdeorras (Ourense). Nas vindeiras semanas abriranse os de Sarria, Baños de Molgas e Vilanova de Arousa, ata completar os 15 polos.

O reto desta iniciativa é avaliar as potencialidades de negocio vinculadas aos territorios onde se desenvolvan. A Xunta de Galicia, a través dos polos de emprendemento, está a desenvolver unha nova forma de emprender, acompañando as persoas emprendedoras en todas as súas etapas. A Rede acadou, polo tanto, nun ano e medio de funcionamento un balance moi positivo, polo que os polos consolídanse como centros para atraer iniciativas empresariais de dentro e fóra de Galicia. O persoal técnico desta Rede presta asesoramento individualizado ás persoas emprendedoras de Galicia en calquera fase que se atope o seu proxecto empresarial, de principio a fin. Estase a favorecer tamén o emprendemento feminino e na economía social, dando a coñecer este modelo á cidadanía.

Orzamento 2024

O Goberno galego está a fomentar, deste xeito, a iniciativa empresarial para diversificar a actividade económica sobre o territorio a través da creación de emprego de calidade. Para continuar dándolle un impulso ao emprendemento en Galicia, o orzamento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade prevé para 2024, segundo destacou Ardao, un investimento de 30,6 millóns para este eido (case un 51,6% máis que neste 2023). Dentro dese importe, inclúese 7 millóns en axudas para proxectos postos en marcha ao abeiro da Rede e 2,72 millóns para o mantemento dos Polos.

A secretaria xeral da Igualdade, pola súa banda, centrou a súa intervención no pulo que a Xunta está a darlle ao emprendemento feminino a través de axudas como as do programa Emega que, tras 27 anos de traxectoria, leva a apoiar proxectos que permitiron crear ou manter 3.500 empregos de mulleres. En concreto, esta iniciativa supuxo neste tempo un investimento de máis de 23 millóns para apoiar proxectos empresariais femininos que crearon 2.400 postos novos e mantiveron case 1.100. Este 2023 a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade investiu máis de 4,8 millóns de euros en 362 axudas para crear e consolidar 800 empregos ocupados por mulleres.

Así mesmo, Vázquez destacou o novo plan que estreará a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade o ano que vén para fomentar a presenza feminina en profesións fortemente masculinizadas. Tal e como indicou, o Goberno autonómico destinará máis de 2,2 millóns de euros a formar e contratar mulleres para que se incorporen a estes sectores.

0.18488383293152