Propietarios de terreos das Fragas do Eume concentraranse o xoves ante a Xunta
Os propietarios dos terreos das Fragas do Eume convocaron unha manifestación para o día 13 ante a Xunta. O obxectivo da protesta é reclamar "compensacións xustas" pola "expropiación encuberta" dos seus terreos en virtude do plan de xestión deste territorio.
Os asistentes á reunión celebrada o pasado sábado na Capela abordaron as consecuencias do Plan Reitor (PRUX) da Xunta. O encontro da Asociación de propietarios de terreos das Fragas do Eume, que agrupa a 450 propietarios, contou coa participación de representantes dos municipios da Capela, As Pontes, Pontedeume e Monfero pero non de Cabanas.
A entidade considera que o Goberno galego non ofrece "compensacións xustas" para os propietarios dos terreos, que durante décadas preservaron e contribuíron a manter o parque como está na actualidade. O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, o de Pontedeume, Bernardo Fernández, e o da Capela, Manuel Meizoso, (todos eles do PSOE) participaron na reunión e mostraron o seu apoio ás reivindicacións do colectivo.
O Concello das Pontes colaborará unha vez máis con esta concentracción poñendo un servizo de autobús desde As Pontes para esta concentración ante a Consellería de Medio Ambiente. Este sairá o xoves ás 9.00 horas da estación de autobuses local facendo paradas por Ribadeume, Bermui, A Faeira, San Pedro de Eume, Goente e A Capela.
Os interesados en anotarse poden facelo no teléfono 667 129 325 antes das 14.00 horas do mércores 12.