Propietarios do monte en Meira responsabilizan dos incendios forestais ao abandono

Un grupo de persoas propietarias de monte das comarcas de Meira e da Terra de Miranda fixo público hoxe un comunicado no que, a raíz dos incendios deste verán, alerta de que “a meirande especie pirófita é o abandono” e insiste en que a cuestión non pasa por prohibir o eucalipto, senón por regulalo con criterios técnicos e de seguridade.
Segundo lembran, a administración galega estimou en diferentes intervencións públicas que a porcentaxe de terreo con eucalipto afectado polos grandes incendios estivais se sitúa entre o 0,2 e o 0,7%. Aínda que recoñecen que existen outros factores determinantes, como a climatoloxía ou o ordenamento forestal, denuncian que determinados colectivos aproveitan estas cifras “para lanzar campañas sen datos que as avalen”, chegando incluso a ámbitos alleos á cuestión, como a Real Academia Galega.
Os propietarios subliñan que ningún monte está libre de risco, pero destacan que alí onde hai aproveitamento tamén hai vixilancia e coidado, o que dificulta a propagación do lume. Así acontece, aseguran, nas súas comarcas, onde o interese polo monte segue vivo, malia que os incendios tamén poidan chegar no futuro.
O colectivo identifica tres ameazas principais para a rendibilidade e, por tanto, para a conservación do monte: os incendios, as enfermidades do piñeiro e a moratoria do eucalipto. Sen alternativas económicas, advirten, moitas parcelas quedarán abandonadas, “e o abandono é, como se viu este verán, o maior factor de risco”. Por iso reclaman solucións para o sector do piñeiro e o levantamento da moratoria do eucalipto, aínda que non como un “vale todo”, senón mediante unha regulación que contemple cortalumes, distancias de seguridade respecto a núcleos habitados e mananciais, así como zonas destinadas a outros cultivos.
Tamén apostan por un plan realista de fomento das frondosas, que vaia máis alá da súa expansión espontánea e conte con estímulos públicos, incluso cun sistema de porcentaxes que permita ás pequenas persoas propietarias diversificar os usos do monte sen perder rendibilidade.
En canto ás propostas recentes da Xunta de asumir a limpeza dos núcleos rurais e pasar despois a factura ás persoas propietarias, critican que se trata dunha medida “desconectada da realidade”, sobre todo cando afecta a persoas maiores con pensións mínimas, e lembran que mesmo expertos teñen advertido de que “é imposible limpar todo, todos os anos”.
Finalmente, os representantes das comarcas de Meira e da Terra de Miranda reiteran a súa oposición a outras medidas que consideran lesivas, como as taxas “ilexítimas e arbitrarias” sobre a saca de madeira ou a prohibición en Riotorto de empregar as pistas forestais durante seis meses ao ano, decisión que cualifican de “insólita” e prexudicial para a xestión sostible do monte.