Propoñen un reto para incentivar as rutas de sendeirismo de Outeiro e Castro de Rei

TerraChaXa | LugoXa
Os Concellos de Outeiro de Rei e de Castro de Rei veñen de publicar conxuntamente un material de difusión das rutas de sendeirismo.
Paisaxes da Auga rutas sendeirismo
27 Dec 2021

Os Concellos de Outeiro de Rei e de Castro de Rei veñen de publicar conxuntamente, grazas a unha subvención acadada a través do Fondo de Compensación Ambiental,  un material de difusión das rutas de sendeirismo existentes nos seus respectivos termos municipais.

Ademais de publicitarse as rutas, un total de sete, proponse un reto para animar ás persoas amantes da natureza e do sendeirismo a realizalas.

As rutas que se propoñen neste reto discorren polo territorio de As Paisaxes da Auga, moi representativo da Terra Chá, e exaltan recursos naturais, culturais e patrimoniais que se atopan nos concellos de Outeiro de Rei e Castro de Rei.

O reto consiste en percorrer de principio a fin cada unha das 7 rutas propostas e facerse unha foto co mapa correspondente da ruta nos distintos puntos de cada recorrido que aparecen enumerados.

Como agasallo por rematar o reto obterase unha maqueta para a montaxe dunha libélula. A libélula é un puzzle 3D de madeira apto para todas as idades a partir dos 6 anos.

As persoas que realicen todas as rutas e saquen as fotos acreditativas, para recibir o seu agasallo tan só deberán envialas achegando os seus datos de contacto ao enderezo: xuventude@concellodeouteiroderei.org; máis información no teléfono 982 393 408.

0.18347907066345