Proseguen as xornadas de historia de Cervo
Trala inauguración, o venres 19 de xullo, das xornadas de historia 'Cervo a Carón do Patrimonio' que organiza o Concello de Cervo, as charlas continúan hoxe sábado, en horario de mañá e tarde.
Na inauguración, que tivo lugar ás 10:00 horas, na Casa do Mar, participaron o rexedor, Alfonso Villares, a edil de Patrimonio, Dolores García Caramés e o profesor Chema Leal, relator e coorganizador da actividade.
Villares recordou que estas xornadas nacen co obxectivo de poñer en valor o noso rico patrimonio, tal e como queda definido no título co que foron bautizadas.
"Somos posuidores dunha riqueza patrimonial e cultural moi coñecida fóra das nosas fronteiras -precisou- vinculada singularmente a Sargadelos, pero tamén especialmente ao mundo do mar, un aspecto no que se afondará especialmente nestas xornadas que percorrerán etapas históricas que son parte do noso patrimonio cultural e arquitectónico".
Interviu o historiador Adrián Cao, que tamén participou activamente na organización das xornadas, o profesor da USC e investigador do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, Carlos Andrés González Paz, houbo un roteiro por San Ciprián guiado polo profesor da UNED e investigador do Grupo de Pesca da USC, Chema Leal, polo conservador do Centro de Interpretación do Camiño de Mondoñedo e licenciado en Xeografía e Historia, Juan Ramón Fernández Pacios, e polo profesor de Filoloxía, escritor e poeta, Paco Rivas, cuxa intervención versou sobre a lenda da Maruxaina.
Xa pola tarde, houbo unha mesa redonda a cargo de novo de Chema Leal sobre as relacións de produción no mundo do mar: caladoiros, artes e conflitos; seguida da intervención da doutora de CC.SS. da Xunta de Galicia, Herminia Pernas, que afondará no papel da muller no mundo do mar. A xornada rematou cun novo relatorio de Adrián Cao, que presentará o proxecto 'Cervo na Memoria'.
A actividade divulgativa continúa hoxe sábado, ás 10:00 horas.
O rexedor precisou que “estas xornadas nacen co obxectivo de consolidarse no tempo, pretendemos que sexa unha data marcada no calendario, que nos permita sumerxirnos en interesantes etapas da nosa historia que moitas veces descoñecemos”.
A actividade de balde está dirixida a todas esas persoas con curiosidade que desexen coñecer en profundidade parte importante da historia de Cervo.