Protestas de pais e da anpa pola xestión do campamento de Castro de Rei

LugoXa | TerraChaXa
Denuncian a mala xestión e a baixa oferta en materia de conciliación
campamento-acampada-veran
Acampada
19 Xul 2024

Familias do concello de Castro de Rei dirixiron unha queixa ao alcalde, Francisco Balado, sobre a mala xestión das matrículas e o desenvolvemento da primeira quenda do campamento de verán organizado polo ente municipal, subvencionado co programa Plan Corresponsables da Xunta de Galicia.

“A empresa comezou a notificarnos ás familias o sábado, 29 de xuño, ás 23:00h, vía correo electrónico, as admisións no campamento que comezaba o día 1. Desta forma non tivemos tempo de informar de calquera errata -como despois sucedeu-. O día 1 había nenos anotados no campamento que non aparecían nas listaxes da empresa e que tiveron problemas este primeiro día, xa que a empresa non os admitía por non figuraren na listaxe que o propio Concello lles facilitara”, explican.

As familias quéixanse da demora na publicación da oferta, o cal dificultou a organización familiar a poucos días de concluír o curso escolar, e cando xa todos os concellos veciños tiñan resolta esta circunstancia. En Castro de Rei o prazo de inscricións abriu o 13 de xuño e pechou doce días despois, "aínda que a realidade foi que ese mesmo día aínda non era posible realizar a inscrición -apuntan-, xa que non tiñan preparados os impresos". E a esa demora sumouse unha precaria xestión posterior, non informando da admisión: “O concello xestionou mal as inscricións; deben publicarse nun tablón de anuncios público, os admitidos e os non admitidos, para poder as familias ser coñecedoras do resultado”.

Alén disto, as familias tamén se queixan da baixa calidade dos servizos ofertados pola nova empresa encargada do servizo – Grupo Vitae – así como a desinformación na que viviron os seus traballadores ante o inicio das actividades: “A empresa non aporta materiais e recursos necesarios para a realización de actividades. As actividades que realizan son pobres e non se aproveita o espazo do que dispón o colexio para a súa realización, e o propio director do campamento descoñecía que por cada quenda hai programada unha excursión fóra do concello” - apuntaban familias do CEIP Veleiro Docampo durante a primeira semana do servizo-.

"O prezo é de 80 euros por quenda (dúas semanas), 30 euros máis que o pasado verán, e, aínda que existe unha redución para familias con máis dun fillo/a, trátase da oferta máis cara entre os municipios da zona, a pesar de tratarse dunha actividade pola que o Concello recibe unha subvención", engaden.

O concello benefíciase, ademais, do programa de conciliación ofertado polo Museo do Castro de Viladonga, xestionado pola Xunta de Galicia, "o cal viu enormemente incrementada a solicitude debido ao carácter gratuíto e á xestión máis eficaz. Porén, neste caso a oferta só comeza na segunda quincena de xullo", engaden.

Aseguran tamén que concellos como Outeiro de Rei, Cospeito ou Begonte ofrecen un servizo máis amplo, nalgúns casos ampliándose ás tardes, e máis barato. No caso de Begonte o servizo é gratuíto.

A este respecto, a ANPA do CEIP Veleiro Docampo xa mantivo varias conversas co alcalde, para pedir unha mellora nos servizos de conciliación, os cales consideran moi precarios. Desde a asociación insisten en que non están a demandar servizos gratuítos, senón a existencia deles, "pois apuntan que esta circunstancia tampouco facilita o asentamento de poboación no concello".

A propria ANPA do Veleiro Docampo solicitou o programa Corresponsables para poder paliar a escasa oferta do concello, porén non lle foi concedido para o ano en curso, quedando en lista de agarda.

0.080504894256592