Proxección de MATRIA, de Álvaro Gago, en Vilalba
O día 29 ás 20:30 horas haberá unha proxección da curtametraxe Matria, de Álvaro Gago, nun acto organizado polo Iescha coa colaboración do Concello de Vilalba no auditorio municipal con entrada de balde.
Así mesmo, ao remate desta curtametraxe, proxectarase Retallos Chairegos, de Benigno Mayán, con personaxes e paisaxes da Terra Chá dos anos 60.
O cinema galego continúa a recoller premios alá onde vai. Nesta ocasión foi a curtametraxe Matria, dirixida por Álvaro Gago, quen trouxo para Galiza un novo galardón. A fita resultou gañadora na 47 edición do Festival Alcine, que tivo lugar esta fin de semana en Alcalá de Henares (Madrid). Matria non só se fixo co premio á mellor curta, tamén foi premiada Francisca Iglesias Bouzón polo papel de Ramona. O pasado mes de outubro, o filme xa se fixera co galardón á mellor curta na Semana Internacional de Cine de Valladolid, Seminci. O director vigués narra na curta a historia de Ramona, unha “heroína anónima” que traballa nunha conserveira. Unha vida que é igual a de tantas mulleres “cunha determinación tremenda”, mulleres que “cultivan moito os seus tesouros, que teñen a ver coa familia”, “mulleres loitadoras, mulleres que son perfecto exemplo do mito do matriarcado”, pon de manifesto Álvaro Gago, que creou a curta co fin de “darlles voz ás mulleres silenciadas que soportan e calan”. Após o pase por Cineuropa,
Matria recalará no Festival Internacional de Cine de Verín e en San Sadurniño, dentro do programa “En negro contra as violencias”. Tamén estará presente no festival de curtas de Zubroffka (Polonia) e nos certames de Cartagena e Aguilar del Campo (España).” Sermosgaliza.gal)