Proxección e debate sobre 'Prefiro Condenarme' este sábado na casa museo de Manuel María

A Casa-Museo Manuel María proxecta para este sábado, día 25 de outubro, ás 19.30 a última película de Margarita Ledo Andión, Prefiro condenarme. Fita estreada en 2024 e producida por NÓS Produtora Cinematográfica Galega, conta no seu elenco con Melania Cruz, Mónica Camaño, Iria Pinheiro, Antón Lopo, Nardo Beceiro e Sagrario Ribela, cuxa biografía é o material do filme.
A sinopse da película é a seguinte. A historia de mil caras de Sagrario, mariscadora na ría de Ferrol, confróntanos cunha nai díscola, unha órbita familiar en perpetuo desasosego e un xuízo por adúltera aos 33 anos, en 1972, por mor dunha filla que ten co seu amante, un carpinteiro “digno de querer”. Tal unha nova Antígona, Sagrario colócase fóra da regra e ao desobedecer reivindica, canda a lei non escrita, o desexo. No fondo, a igualdade coas de “arriba” que ninguén critica.
A directora Margarita Ledo Andión, catedrática de Comunicación Audiovisual, escritora, investigadora e cineasta, estará este sábado durante a proxección da película para manter, logo, un coloquio co público asistente. Prefiro condenarme é a quinta cinta da súa filmografía, Santa Liberdade (2004); Liste, pronunciado Liste (2007); A cicatriz branca (2012) e Nación (2020), e contou con distincións no Festival de Locarno e no Festival de Cine Europeo de Sevilla.
As persoas interesadas en asistir este sábado teñen de facer reserva (billete 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621. A película vai dirixida para un público maior de doce anos e está especialmente recomendada para o fomento da igualdade de xénero.