Eme de Meira proxecta un filme este venres

TerraChaXa
O venres 22 proxectaráse, da man da Asociación cultural Eme de Meira xunto co Concello de Meira a curtametraxe O neno e a sombra de Xaime Miranda.
cine en meira o neno e a sombra portada
19 sep 2023

O venres 22 proxectaráse, da man da Asociación cultural Eme de Meira xunto co Concello de Meira a curtametraxe O neno e a sombra de Xaime Miranda. Terá luagar na casa da cultura da localidade ás 22.00 horas.

SINOPSE

Manuel, un pai desesperado pola indiagnosticable mala saúde do seu fillo, acode a unha reputada meiga, Dona María, na procura dun remedio.

Aguilloado pola situación, Manuel accede a tomar un bebedizo que lle ofrece a meiga. A beberaxe lévao a cruzar a fronteira da realidade cotiá e embárcao nunha arriscada viaxe a fonduras descoñecidas.

Alí, é perseguido por unha forza escura, A Sombra. Coa guía duns inesperados aliados, Manuel enfróntase a ela para descubrir a fonte dos males do seu fillo e aprende como evitar que as tebras que nacen no interior enraícen inadvertidas, e se fagan co control da vida.

Na tradición galega, as sombras son unha fonte de enfermidade. A sombra dalgunhas persoas (vivas ou mortas), dalgúns animais, dalgunhas árbores ou mesmo dos astros, poden afectar e ser daniñas, especialmente nos nenos, que enfraquecen e non medran.

O Neno e a Sombra nace dun relato non publicado escrito por Carlos Fernández. O relato está inspirado nun caso real e fala de como a transmisión de modelos de paternidade opera como unha enfermidade vírica social que se vai transmitindo de xeración en xeración. Como unha maldición familiar que corre no sangue. Como unha sombra que se cerne asfixiante sobre todos nos.

O Neno e a Sombra é unha historia que nos fala de aspectos universais da condición humana dende un marco concreto no espazo e no tempo. A curtametraxe está ambientada na Galicia de finais dos anos 80. Unha época de grandes cambios sociais, económicos e culturais na que aínda era frecuente acudir a un curandeiro e na que os posuídos aínda acudían a ser exorcizados ao santuario da Virxe do Corpiño. E é que as meigas, os males de ollo e os ritos curativos formaban parte do día a día do rural galego ata hai ben pouco. Eran parte dunha realidade que pouco a pouco foi esvaecendo. Aínda quedan restos, pero a globalización cultural e o cambio social que supuxo, entre outras cousas, o abandono do rural, provocaron unha ruptura na cadea de transmisión que supoñía a tradición oral. O abandono dos espazos tamén supuxo un abandono da cultura que os habitaba. Palabras, receitas, cancións, contos e costumes que pouco a pouco van desaparecendo.

En consecuencia, O Neno e a Sombra pódese emparentar co rexurdimento que está vivindo o folk horror. Un subxénero de orixe británica, ambientada no rural, e que incorpora lendas, supersticións e mitoloxía pagá como elementos de misterio, perigo e terror.

Non obstante, con O Neno e a Sombra non buscamos caracterizar o rural galego como un lugar atrasado, refuxio de escurantismos e prácticas exóticas. Polo contrario, queremos poñer en valor un universo do que somos parte.

cine en meira o neno e a sombra
0.18689179420471