Proxéctase en Vilalba o filme 'Filmei paxaros voando' no ciclo Mestre Mateo

O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), en colaboración coa Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a Academia Galega do Audiovisual e o Concello de Vilalba, organiza a proxección da longametraxe documental Filmei paxaros voando, dirixida por Zeltia Outeiriño. Con esta iniciativa, continúa o Ciclo Mestre Mateo 2025, que durante estes meses ofrece ao público a oportunidade de gozar das películas finalistas —documentais, longametraxes e curtas— dos XXIII Premios Mestre Mateo.
A novena proxección do ciclo terá lugar o xoves 30 de outubro de 2025, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba. A entrada será de balde, mais será necesario reservar localidade a través da web www.entradasvilalba.es ou na Casa da Cultura de Vilalba.
Filmei paxaros voando conta a historia de Zeltia, quen, despois de vinte anos vivindo en Barcelona, regresa a Galicia para filmar a memoria do seu admirado Tío Antonio, un artesán téxtil, galeguista e gai que viviu intensamente os anos oitenta. Ese regreso provoca tamén o reencontro coa súa nai Socorro, unha muller profundamente conservadora á que Zeltia rexeitara no pasado. O repentino empeoramento da saúde de Socorro obriga á protagonista a mirar con novos ollos a súa relación, iniciando un camiño de volta á casa cheo de complexidade, pero tamén de amor, coidados e sanación.
A actividade enmárcase dentro do compromiso do Iescha e das entidades colaboradoras por achegar o cinema galego contemporáneo á veciñanza e poñer en valor o talento audiovisual do país.