Proxéctase en Vilalba un documental sobre a sanidade pública en Galicia

TerraChaXa
A casa da cultura de Vilalba acollerá este venres, 12 de abril, a proxección do documental DEP.
sanidade publica galicia documental_portada
11 Abr 2024

A casa da cultura de Vilalba acollerá este venres, 12 de abril, a proxección do documental DEP. Destruír é o plan, un filme documental de SOS Sanidade Pública. A película, elaborada en colaboración con multitude de colectivos e plataformas, pretende descubrir "de maneira áxil e entretida os motivos polos que a mortalidade evitable, non explicable pola epidemioloxía, segue crecendo en Galicia".

Organizada polo Sindicato Labrego Galego, a representación terá lugar ás 20.00 horas e contará cun coloquio posterior no que estará presente o médico de familia Bernardino Pardo Teijeiro.

"Ademais de analizar os motivos do devandito aumento da mortalidade, sen dúbida relacionado coas inexplicables listas de espera que seguen crecendo, tanto para atención hospitalaria como para a atención primaria, tamén se mostrará como se atopan os centros de saúde sen servizos mínimos e os PACs pechados, o que trae como consecuencia un colapso permanente das urxencias hospitalarias", explica SOS Sanidade Pública.

Ademais, a película fai un seguimento do proceso da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que, tras varios meses de recollidas de firmas, concentracións diante dos centros de saúde e grandes manifestacións como a que congregou máis de 50.000 persoas na praza do Obradoiro de Santiago en febreiro, foi debatida e presentada recentemente no Parlamento Galego.

0.19189691543579