PSOE e Vilalba Aberta firman un acordo para o investimento de 900.000 euros nas parroquias
O goberno de Vilalba (PSOE) e o Grupo Municipal de Vilalba Aberta anunciaron esta mañá un acordo entre ambas formacións para investir máis de 900.000 euros en diferentes obras e actuacións en 21 parroquias do concello.
O acordo materializarase no próximo pleno, mediante a aprobación dun suplemento de crédito, e foi presentado esta mañá en rolda de prensa pola alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro; Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas; Modesto Renda e María Xosé Fernández, voceiro e concelleira de Vilalba Aberta.
“Estamos na obriga de chegar a acordos de este tipo para mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas, este investimento beneficiará na súa meirande parte ás parroquias e o rural”, explicou a alcaldesa, Elba Veleiro.
En total, serán 904.042 euros para as parroquias de Samarugo; Alba; Rioaveso; Corvelle; San Simón; Codesido; Distriz; Árbol; Nete; Torre; Santaballa; Lanzós; Román; Carballido; Tardade; Xoibán; Gondaísque; Ladra; Goiriz; Insua e Vilapedre. Acometerase tamén a renovación do pavimento da pista polideportiva do CEIP Mato Vizoso.
Pola súa parte, Modesto Renda apuntou que co acordo “facemos xustiza cos veciños que teñen o seu proxecto de vida nas parroquias, fomentamos a política de entendemento, e o pactado é ademais fundamental en materia de investimento para Vilalba”.
“Son obras e actuacións en 21 parroquias, unha mostra máis da nosa aposta polo rural mellorando os seus servizos e infraestruturas”, rematou Luis Fernández.