Publicada no BOP a resolución das axudas a asociacións culturais da Deputación
O Boletín Oficial da Provincia de Lugo publicou onte a resolución definitiva das axudas de concorrencia competitiva para asociacións culturais da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que investiu 380.000 euros nesta liña de apoio ao tecido cultural de base. A resolución confirma a listaxe provisional, publicada en novembro, e recolle a concesión de 431 subvencións -256 para a organización de actividades e 175 para investimentos e equipamentos-, que benefician, fundamentalmente, a pequenos colectivos culturais.
Atendendo ás solicitudes presentadas, a maioría das subvencións destinadas á promoción de actividades culturais destínanse a iniciativas de promoción e difusión do patrimonio material ou inmaterial, a celebracións populares como entroidos, magostos ou foliadas, a iniciativas de formación en música e baile tradicional, obradoiros de teatro ou a edición de revistas mentres, no capítulo de investimentos, as achegas destínanse a financiar a compra de equipamento informático e musical, mobiliario ou en actuacións de mantemento e mellora en locais sociais.
A deputada de Cultura Iria Castro destacou que “a listaxe de colectivos que reciben estas axudas é unha boa mostra da capacidade do asociacionismo para impulsar a creación e a programación cultural en todo o territorio” e avanzou que “os orzamentos de 2025 recollerán un suba da partida destinada a estas convocatorias para ampliar a súa cobertura, e tratar de atender o incremento de solicitudes que se produciron esta anualidade, na que recibimos preto dun centenar máis que o ano pasado”.
As entidades beneficiarias teñen ata o vindeiro 31 de marzo para presentar a xustificación das subvencións. Os modelos a cumprimentar estarán dispoñibles na web cultura.deputacionlugo.gal a partir deste mércores (18 de decembro).