Publicadas as axudas para a adquisición de maquinaria e equipamentos non agrarios

TerraChaXa
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a convocatoria para 2019 das axudas para proxectos de adquisición de maquinaria e equipamentos en actividades non agrícolas, ás que se destinan un total de 1.
3 Feb 2019

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a convocatoria para 2019 das axudas para proxectos de adquisición de maquinaria e equipamentos en actividades non agrícolas, ás que se destinan un total de 1.150.000 euros.

Estas achegas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), teñen como obxectivo apoiar a  adquisición de maquinaria e equipamento novos, co fin de ampliar ou modernizar unha actividade empresarial existente. Poden beneficiarse as persoas físicas que residan no rural e que estean suxeitas ao réxime especial de traballadores autónomos, pequenas empresas e titulares dunha explotación agraria, ou membros da súa unidade familiar, que pretendan diversificar as súas tarefas cara a actividades non agrarias na propia explotación.

Serán subvencionables os proxectos destinados a ampliar ou modernizar pequenas empresas que desenvolvan actividades non agrarias no seguintes sectores e ámbitos de actividade: industrias, fábricas e locais destinados a producir bens e materiais, así como a prestación de servizos en calquera sector económico (con exclusión de empresas de maquinaria agrícola e forestal e empresas de prestación de servizos enerxéticos). Tamén, todo o relacionado coa prestación de servizos sociais, actividades recreativas, de ocio e deportivas, artesanais, actividades baseadas na innovación tecnolóxica e no comercio electrónico, actividades nos sectores da enxeñería, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial, veterinaria e comercio polo miúdo de produtos non agrarios.

Entre os requisitos que deben cumprir os proxectos atópanse os de non estar iniciados no momento de presentar a solicitude de axuda e ter un orzamento comprendido entre os 10.000 e os 220.000 euros, agás no sector da artesanía, no que estes límites se sitúan entre os 5.000 e os 100.000 euros. Ademais, o investimento proxectado debe mellorar o rendemento global da empresa.

O prazo para presentar as solicitudes será dun mes, a contar desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no DOG. A presentación das solicitudes realizarase de forma telemática, a través dunha aplicación informática accesible desde a páxina web de Agader e desde a sede electrónica da Xunta.