Publicadas as axudas para os danos causados por incendios e desastres naturais
O Diario Oficial de Galicia publicou o día 11 a orde da Consellería do Medio Rural que amplía a partida orzamentaria dedicada ás axudas para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en Sociedades de Fomento Forestal (Sofor). Deste xeito, pásase de 5,8 millóns de euros iniciais aos case 6,4 millóns de euros para os anos 2020 e 2021, co fin de atender as case 700 solicitudes recibidas que cumpren cos requisitos da orde.
Cómpre salientar que esta liña de achegas contribúe a minorar as consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais poidan provocar sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e produción dos montes e, en conxunto, sobre a fauna, a flora e a paisaxe de Galicia. Con este obxecto establécense dúas liñas de subvencións: unha para o control selectivo de combustible e outra para a construción de puntos de auga.
A primeira liña engloba todas aquelas accións encamiñadas a eliminar ou reducir os riscos que poden ser causa de incendios forestais e da súa propagación. Así, subvenciónase o control selectivo de combustible en áreas de devasas, faixas auxiliares de pista, rexenerado forestal natural así como na roza de penetración, rareo e eliminación de restos das entrefaixas de masas forestais. O obxectivo é reducir a carga de combustible presente no monte e crear zonas con descontinuidade horizontal e vertical, contribuíndo así a anticiparse aos incendios.
Canto á segunda liña de axudas, subvenciónase a construción de puntos de auga para a prevención e defensa contra os incendios forestais, que se localizarán en zonas estratéxicas para a defensa dos núcleos de poboación e das masas forestais.
Así, os beneficiarios destas dúas liñas de subvención son os titulares de montes veciñais en man común, as súas agrupacións e mancomunidades e as Sociedades de Fomento Forestal. Coa ampliación de crédito, a Consellería do Medio Rural reforza o seu compromiso en materia de prevención de incendios forestais.