Puraga presenta unha publicación sobre o cabalo galego

TerraChaXa
Puraga vén de publicar O cabalo de pura raza galega: historia e situación actual. Trátase dunha publicación divulgativa.
puraga libro razas cabalos
6 Abr 2021

A Asociación de Criadores de Pura Raza Galega (Puraga) vén de publicar O cabalo de pura raza galega: historia e situación actual. Trátase dunha publicación divulgativa que recompila información sobre as características xenealóxicas da raza, a evolución da poboación en Galiza, a súa influencia na conservación da biodiversidade e da paisaxe cultural, o léxico asociado á tradición cabalar ou un calendario cos principais curros, rapas e feiras que se celebran no país arredor destes animais.

O material distribuirase en eventos, feiras, carnicerías e outros espazos comerciais para facilitar ás persoas consumidoras unha información completa e rigorosa sobre a orixe do produto.

Ao mesmo tempo permite achegarse dunha maneira rápida a importancia medioambiental, cultural e económica da actividade que desenvolven os gandeiros e gandeiras de cabalo de Pura Raza Galega, boa parte deles concentrados arredor do Xistral.

A publicación, presentada no concello de Muras onde Puraga ten a súa orixe, constata que o cabalo de Pura Raza Galega “mantén unha poboación estable ou lixeiramente tendente á alza, rondando entre os 1.500 e os 1.700 exemplares, a maior parte deles, femias" e engade que “a conservación da poboación débese a unha maior profesionalización das explotacións onde se localizan”.

Tamén sinala as principais ameazas desta raza autóctona como “o cruce con razas de maior condición cárnica, a falta de acondicionamento das comunidades de montes, a apertura de pistas e estradas por áreas tradicionais de pastos ou a intensificación da carga gandeira por parte da administración”, ademais do progresivo “despoboamento e envellecemento do mundo rural”

Apoio ao sector agroalimentario fronte á Covid 19

A edición deste material divulgativo enmárcase no plan de Puraga para desenvolver diferentes iniciativas orientadas á promoción e valoración desta raza autóctona, dos gandeiros e gandeiras que manteñen o sistema de cría tradicional en semiliberdade e dos produtos derivados, como as degustacións e campañas de promoción de carne fresca e embutidos orientadas a facilitar a súa comercialización.

0.2025990486145