"Que cada neno e nena sexa libre de soñar co seu futuro sen condicións polo xénero"

TerraChaXa
Ainara Pérez é a concelleira de Igualdade en Guitiriz, que desenvolve un intenso traballo contra a violencia de xénero e a igualdade.
ainara perez concelleira igualdade guitiriz
9 Xan 2022

Ainara Pérez é a concelleira de Igualdade en Guitiriz, un concello que desenvolve nestes últimos anos un intenso traballo a todos os niveis contra a violencia de xénero e a igualdade.

Pode facernos un balance do ano que termina con respecto a súa concellería? En que situación se partiu?

En Guitiriz temos Concellería de Igualdade dende principios deste ano. Aínda que sempre traballamos pola igualdade, foi este ano cando dende o equipo de goberno consideramos visibilizar a súa importancia nomeando unha consellería. E decidimos facelo vinculándoa á Concellería de Cultura pola transversalidade que existe entre as dúas e tamén para dar unha perspectiva de xénero a tódalas actividades culturais do noso concello.

Cales serían as principais actuacións que se levaron a cabo?

Fixemos obradoiros en defensa da igualdade. Tamén contamos cunha importante programación cultural con perspectiva de xénero, conmemoramos o 8M e 25N, continuamos co servizo de atención psicolóxica a mulleres en situación de vulnerabilidade... E creamos unha conta de Instagram de Igualdade do Concello coa idea de que funcione como unha canle de comunicación coa nosa veciñanza.

Que quedaría por facer de cara a este ano?

Este ano temos activa a campaña de Nadal "Merca en Igualdade", coa que intentamos fomentar que desaparezcan os roles e os estereotipos vinculados ó xénero. Por iso, animamos ós nosos veciños a regalar en igualdade.

E de cara xa a o futuro?

Acadar unha maior comunicación cos/as nosos/as adolescentes. Na nosa opinión, os/as nosos/as nenos/as e adolescentes serán fundamentais para acadar nun futuro "a igualdade real". Neste sentido somos afortunados/as, xa que a comunidade educativa presente no noso concello está tamén moi involucrada.

Que necesidades ten o Concello a día de hoxe en materia de igualdade?

Mellorar a participación da poboación nas diferentes actividades programadas. Ser accesibles e ter acceso ás mulleres que se atopen unha situación de vulnerabilidade, especialmente no rural.

Que aspectos necesitan máis traballo?

Quizáis conseguir atraer ós nosos veciños/as, ás diferentes actividades e obradoiros que se organizan dende o concello, especialmente ós noso adolescentes. Debemos traballar para atopar o xeito de ter unha comunicación máis fluida cunha parte da nosa veciñanza que vai ser fundamental no futuro do noso concello.

Que apoio ten o concello doutras institucións?

Do Ministerio de Igualdade mediante o Pacto de Estado, da Deputación Provincial de Lugo con material e colaboración en actividades culturais con perspectiva de xénero, da Secretaría Xeral de Igualdade, da Unión Europea...

Foi este un ano complicado sen dúbida para todos. Como levou a Concellería o traballo na situación da pandemia?

Resultou complicado, como en case tódolos ámbitos. Ó final non queda máis que adaptarnos a esta nova realidade. Nalgún caso tivemos que renunciar a programar determinadas actividades e obradoiros, e aprender a adaptar as nosas ideas ás circunstancias nas que se poden desenvolver.

Un desexo para este ano que comeza.

Que cada neno e nena sexa libre de soñar co seu futuro sen sentirse condicionados/as polo xénero.

0.22373700141907