Queda pendente de executar o 25% das obras do polígono industrial de Muimenta

TerraChaXa
Na primeira fase de ampliación do parque empresarial de Muimenta, en Cospeito, están xa executadas nun 75%.
execucion poligono muimenta
10 Oct 2022

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe a marcha da primeira fase de ampliación do parque empresarial de Muimenta, en Cospeito, que están xa executadas nun 75%.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda inviste 1,3 millóns de euros nesta actuación, coa que se sumará unha superficie de 24.903 m2. Deste total, 12.970 m2 destínanse á creación de 14 parcelas de uso industrial, que terán entre 426 m2 e 1.500 m2 cada unha; as novas vías ocupan 5.261 m2 e 6.672 m2 serán zonas verdes.

Acometéronse as obras de urbanización, electrificación, canalizacións de saneamento, abastecemento ás parcelas, iluminación pública e o novo acceso ao parque para ordenar o tráfico procedente da estrada LU-120.

Os traballos continúan e só resta colocar un novo centro de transformación e a sinalización vertical e horizontal, así como rematar as zonas verdes. Estas dótanse de rego, vexetación, xogos e mobiliario urbano; consérvase un bosque autóctono e os vestixios dos muros dunha antiga casa, formando unha pérgola e un forno de pedra que complementan a área de descanso.

A Consellería proxecta outras dúas fases de ampliación no polígono de Muimenta. En total, pretende habilitar 144.202 m2, dos que case 100.000 serán solo industrial (99.956 m2) con máis de medio cento de parcelas dispoñibles.

Javier Arias destacou que “practicamente suporá cuadriplicar a superficie do parque empresarial, o que manifesta a clara aposta da Xunta polo progreso industrial e polo emprego na zona”.

0.16187000274658