Queixas en Xermade pola atención do Servizo de atención domiciliaria

TerraChaXa
Unha veciña de Xermade fixo chegar ao Concello unha queixa formal contra o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) da localidade.
maiores man terceira idade coidados
27 Nov 2023

Unha veciña de Xermade fixo chegar ao Concello unha queixa formal contra o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) da localidade.

Segundo asegura na súa protesta formal a empresa comunica cun día de antelación os cambios de horario e continuamente cambia o persoal que atende aos maiores.

O motivo da protesta foi unha comunicación realizada pola empresa á familia dunha das usuarias, de 101 anos, que ten concedidas hora e media para levantar, aseala e facerlle a comida. Indican os xerentes que pode non ter asistencia ou cambiarlle o horario a unha hora cun asistente e media hora, sen precisar cando, con outra persoa.

A queixa da veciña fundaméntase en que avisan con pouca antelación dos cambios o que imposibilita ás familias a poder organizarse. Ademais, reclama que os cambios de asistenta son continuos, especialmente no verán.

"A empresa contratada polo concello amosa unha incompetencia imposible de xustificar. O persoal que traballa con persoas hai que coidalo, ten dereito a cobrar un soldo digno pois realiza un traballo encomiable. Esta empresa nin ten salarios dignos, nin presta un bo servizo e dálle igual que as usuarias queden desatendidas. A única solución é que lles descontan o que paga do servizo cando este non se realiza. Como se iso solucionase a dependencia!", explica.

Acusa ao alcalde, Ramón García, de non ter evitado chegar a esta situación e engade que "debería poñerse a traballar no que é realmente importante, a atención ás persoas dependentes do concello que, como sabemos, son cada vez máis. Non se pode privatizar un servizo que debería ser público e despois non xestionar nin comprobar nin facer un seguimento do seu funcionamento".

A veciña de Xermade, que asegura que hai máis persoas afectadas no termo municipal, pide que se tomen medidas urxentes para que o servizo chegue a todas as usuarias do concello con garantías e que ninguén quede sen a atención concedida. E tamén suxiro que o concello tome as rendas e dunha vez por todas faga o que teña que facer para que a atención das persoas dependentes no concello sexa efectiva, real e sobre todo eficiente e efectiva".

0.16154003143311