Queixas nunha parroquia de Abadín pola falta de auga
O voceiro socialista de Abadín, Pablo Díaz, fíxose eco das denuncias dunha familia da parroquia de Vilarente (Cabanela), que se manifestou este luns ás portas do Concello de Abadín, xa que leva sufrindo dende o ano 2011 problemas no abastecemento de auga no seu domicilio, e levaban nestes intres dous días sen auga.
Os afectados explican que nesta parroquia de Vilarente non existe saneamento municipal, nin abastecemento de auga. Advirten de que a traída de auga municipal que abastece a este núcleo do municipio “é ilegal”, e lembran que o propio Concello de Abadín xa foi sancionado por este motivo.
O voceiro socialista explica que os propios afectados xa presentaron denuncias en tódolos estamentos oficiais, comezando polo propio Concello de Abadín, a Valedora do Pobo, a Garda Civil, o Seprona e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, “e o Concello segue sen darlles unha solución, aínda que sexa de xeito provisional como por exemplo a través do camión de incendios ou con cisternas”, incidiu. “Non entendemos como pode haber parroquias sen auga en pleno século XXI. Así é como defende o rural o PP, recortando servizos como no centro de saúde e abandonando ás nosas parroquias ”, subliñou.
Pablo Díaz sinalou ademais que no domicilio desta familia viven un total de 5 persoas, unha delas con mobilidade reducida, “que precisa de coidados e atención sanitaria constantes, e que por mor do abandono do Concello de Abadín e do seu alcalde non están sendo correctamente atendidas, xa que non teñen acceso á auga”. Ademais, teñen ganado ao que deben dar de beber de xeito manual, co transporte da auga.
Por último, o Voceiro lembra que, segundo recolle a normativa, concretamente nos artigos 18 e 25 da Lei de Réxime de Bases Local, “os veciños teñen dereito ao subministro de auga potable no domicilio e a evacuación e tratamento de augas residuais. Polo tanto, o Concello de Abadín ten que actuar xa, non pode deixar sen auga ás familias e as parroquias do noso Concello. Póñanse a traballar xa para solventar este problema”, resumiu.