Queixería Zolle recibe 200.000 euros do Leader para a construción dunha aula de formación
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou as novas instalacións da Queixería Zolle, proxecto financiado polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) 4 Comarca de Lugo e situado en Friol.
A titular de Medio Rural sinalou que esta iniciativa recibiu, polo seu carácter singular, unha axuda de 200.000 euros dentro das achegas do Leader para a construción dunha aula de formación sobre o queixo e un espazo de prácticas para a elaboración tradicional. Grazas a esta achega, que financia a metade do investimento, ten previsto organizar visitas guiadas aos obradoiros de fabricación con acceso a tenda.
A conselleira, que tamén estivo acompañada polo alcalde de Friol e presidente do GDR, José Angel Santos, fixo referencia ao importante labor que desenvolven estes grupos para impulsar o desenvolvemento e a dinamización do rural. No caso do GDR 4 Comarca de Lugo, esta asociación ten actualmente seis proxectos pechados, que suporán un investimento de 1,6 millóns de euros, cunha axuda pública de algo máis de 831.000 euros.
Trátase de cinco iniciativas de carácter produtivo, entre as que se atopa esta aula de formación, e dun proxecto non produtivo de carácter social. No primeiro caso –actuacións produtivas– recibiron axuda un taller, unha nave para subministro e almacenamento de bens agrícolas e de construción, un local para despacho de pan, pastelaría e queixos e un proxecto de mellora da eficiencia enerxética para unha Sociedade Anónima de Transformación (SAT). Así mesmo, con estes fondos está previsto ampliar a escola infantil de Outeiro de Rei.
Asociación
A Asociación para o Desenvolvemento Rural da Comarca de Lugo naceu no ano 2016 como colectivo sen ánimo de lucro, sendo posteriormente seleccionada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) en calidade de entidade colaboradora para a xestión da medida Leader no seu territorio. O seu ámbito de actuación abrangue os concellos de Friol, Outeiro de Rei, Guntín, O Corgo, Rábade, Castroverde e a zona rural do municipio de Lugo.
Polo tanto abrangue unha superficie de 1,2 quilómetros cadrados e da servizo a unha poboación de máis de 28.604 (aos efectos da Medida Leader de Galicia).
Seis grupos na provincia
En total, na provincia de Lugo existen seis GDR que xestionarán preto de tres millóns de euros entre este ano e o que vén para impulsar diferentes proxectos no rural. Polo de agora xa se aprobaron con cargo a estes fondos un total de 50 iniciativas, que teñen que ver con eidos coma o agrícola e forestal, os servicios sociais, a promoción empresarial ou a acción cultural e turística, estando prevista a aprobación de máis proxectos nos próximos meses.