“Queremos a media veda da codorniz e habilitar unha sala de viscerado mellor”

Rematado o proceso electoral no Societario de Cazadores Terra Chá, a candidatura encabezada por Adrián Rodríguez Morán foi proclamada oficialmente este verán como nova xunta directiva da entidade, tras non presentarse ningunha impugnación no prazo establecido. O novo equipo, de carácter continuísta, manterá a maior parte dos membros anteriores, con ata seis persoas que repiten responsabilidades. Adrián Rodríguez Morán, que exercía como vogal responsable de socios, toma agora o relevo como presidente de Jaime González Penelas, quen pasa a ocupar o cargo de vicesecretario. A directiva contará tamén coa incorporación de José Antonio Villaverde Bello, Alma, como delegado de cetrería e responsable da xestión das soltas e da zona específica para esta práctica.
A nova xunta xa traballa nos obxectivos marcados para o novo período de catro anos, co propósito de reforzar a actividade cinexética, a xestión sostible do territorio e a continuidade das iniciativas que fixeron do Tecor un referente en Galicia.
Fálenos da presenza do Tecor na comarca. Que extensión e concellos abrangue?
O Tecor Terra Chá cobre unhas 46.000 hectáreas e esténdese polos concellos de Cospeito, Castro de Rei, A Pastoriza e a parroquia de Xoibán en Vilalba. É o terceiro Tecor máis grande de Galicia en extensión e conta con excelentes zonas de caza menor, o que o converte nun coto excepcional para esta modalidade.
Cantos socios teñen actualmente?
Na actualidade somos 850 socios numerarios e 50 protectores. Cada ano perdemos entre vinte e trinta socios, porque é difícil atraer xente nova á caza. Temos unha media de idade alta e, aínda que facemos moitas probas ao longo do ano para animar á mocidade, non é doado. Aínda así, estamos satisfeitos co número actual.
Como foi o proceso que o levou á presidencia?
Sinceramente, non tiña pensado seguir na directiva nin ser presidente, pero foron moitos os socios que me chamaron pedíndome que continuase, e finalmente convencéronme. Presenteime cunha liña continuísta, porque creo que se fixeron cousas moi boas e era importante non interromper ese traballo. Iso si, puxen unha condición: que Jaime, o anterior presidente, seguise comigo, porque sen el o Tecor non estaría onde está.
En que momento se fundou o Tecor e como evolucionou nestes anos?
O Tecor Terra Chá fundouse en 2004, con arredor de 1.200 socios. Hoxe somos menos, pero melloramos moito. Por exemplo, este ano soltamos 10.000 perdices, e queremos manter esa cifra nos vindeiros dous anos. Non hai moitos tecores con esa capacidade. Ademais, temos socios de toda Galicia e unha aplicación propia con mapas, refuxios e límites, que facilita moito a caza ordenada.
Que funcións e actividades realizan durante o ano?
Organizamos distintas probas de caza durante o ano, como o Campionato Galego de Cetrería ou o Provincial de Caza Menor, ademais de colaborar coa Federación Galega de Caza sempre que se solicita.
Cal é o principal obxectivo a longo prazo da nova directiva?
Queremos conseguir a media veda para a caza da codorniz, unha modalidade que esperta moito interese en Galicia, e tamén habilitar unha sala de viscerado en boas condicións hixiénicas e de traballo. Estamos estudando opcións e confiamos en logralo co apoio das institucións.
Contan logo co respaldo das administracións?
Si, e estamos moi agradecidos tanto aos concellos do Tecor como á Deputación de Lugo e á Xunta de Galicia. Sempre que solicitamos colaboración, facilitáronnola.
Que beneficios ten a práctica da caza, máis alá do deportivo?
A caza é saudable: faise exercicio, desconéctase da rutina e foméntase a convivencia. Tamén xera actividade económica para restaurantes, armerías, combustible, por exemplo, e, o máis importante, axuda ao sector gandeiro, controlando especies ou pragas como o xabaril ou o raposo. O beneficio social e ambiental é moi importante.
Que lles diría aos detractores da caza?
Que non se pode xulgar un colectivo enteiro por uns poucos casos illados. Na caza, a inmensa maioría da xente cumpre e respecta as normas. É un mundo con moita paixón polo campo e polo equilibrio da natureza.
NOVA DIRECTIVA
- Presidente: Adrián Rodríguez Morán
- Vicepresidente 1º: Juan Antonio Pena Pillado
- Vicepresidente 2º: Adrián Cendán Rodríguez
- Secretaria: Mayra Rojo Regueira
- Vicesecretario: Jaime González Penelas
- Tesoureiro: Luis Vázquez Sande
- Vogais: Jesús Paz Penelas, Francisco Javier Veiga Paredes e Juan José Fernández Rodríguez