Quico Cadaval conta 30 historias este sábado na casa museo de Manuel María

LugoXa | TerraChaXa
Para asistir ao espectáculo é necesario reservar
quico-cadaval
27 Mar 2025

Quico Cadaval estará este sábado, 29 de marzo, ás 20 horas, na Casa-Museo Manuel María con 30 anos a contar historias. Notas de rodapé. Un espectáculo en que celebra as súas máis de tres décadas de contador.

Cadaval comezou a súa carreira na escénica a mediados dos anos oitenta. Desde os noventa, en paralelo á súa carreira como dramaturgo e director de escena, desenvolve un espectáculo unipersoal mestizo entre o conto de lareira, o cabaré literario e o teatro épico. Un espectáculo de narración oral que foi transformando nos últimos quince anos para se ir acomodando ás circunstancias ambientais, ás inclemencias do clima, ás experiencias persoais do artista e aos terrores máis íntimos do público.

En Notas de rodapé, Quico Cadaval, alén de revelar os trucos e segredos do oficio, reclamará a colaboración e o protagonismo do público. Os contos están feitos de anacos, de memorias, de lembranzas instantáneas, de experiencias inventadas. Pode tratarse da letra dun libro que entrou con sangue, da lembranza dun terror infantil ou dunha escena de western. As historias énchense de prólogos e epílogos, mais sobre todo, de notas de rodapé. Comentarios para facer o conto máis divertido, máis elocuente, máis esclarecedor. Quico Cadaval, no transcurso do show deste sábado, reclamará do público que faga preguntas, que o interroguen, que o obriguen a revelar o que nunca contou. E Cadaval responderá, mais a resposta sempre será outro conto, que se xunta ao conto infinito da humanidade. O espectáculo comeza cun morto nunha encrucillada, (a historia que máis veces contou) e finaliza co conto máis fermoso do mundo. Polo medio, o que mande o público.

Para asistir ao espectáculo é necesario reservar (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

⚙ Configurar cookies
0.53799915313721