Quintana apela aos mariñeiros no aproveitamento das capturas de xurelo
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, fixo fincapé no Parlamento na importancia de “racionalizar as capturas e descargas de xurelo, adecuando a oferta á demanda para facer aumentar os prezos”. Tamén é importante, engadiu, racionalizar o uso da cota que quede sen pescar co obxectivo de “facer que esta especie, que é a primeira en cifra de descargas nas nosas lonxas, poida ter unha axeitada explotación, máis rendible e sustentable”.
Así o subliñou en resposta a unha pregunta relacionada coa xestión do xurelo na que tamén apelou a aproveitar a capacidade e as medidas das que dispoñen as frotas que extraen esta especie para avanzar na xestión da súa pesqueira.
Isto reflicte, sinalou, que hai opcións de mellora na pesqueira do xurelo, que entre xaneiro e outubro se saldou coa descarga nos portos galegos máis de 35.400 toneladas que supuxeron un valor económico de 26 millóns de euros. Estes datos mostran “unha sensible melloría e aumento tanto en relación á media anual dos últimos 15 anos coma respecto do ano anterior”.
Neste sentido, a conselleira explicou que en comparación co ano 2018 os desembarques de xurelo subiron un 27% e a facturación un 15%. Atendendo á comparativa coa media dos últimos tres lustros, o incremento é dun 67% no caso do volume de descargas e de case un 50% no valor económico.
En canto á proposta da Comisión Europea para rebaixar a cota desta especie nunha media do 48% en relación a este ano, Rosa Quintana explicou que Galicia a considera errada, xa que non está sostida por informes do Consello Internacional para a Explotación do Mar (ICES), que mesmo recomendaban unha suba dun 24% na zona de Fisterra para o sur. Ademais explicou que a proposta está baseada nun plan que o Consello Consultivo de Peláxicos aprobou, pero que non está referendado en ningún documento oficial, e sinalou que debería ser sometida ao criterio de España e Portugal que son os países concernidos neste Total Admisible de Capturas (TAC).
A titular de Mar tamén fixo fincapé en que esta proposta da Comisión Europea fai un dano inxustificado ao sector en termos económicos e sociais, tendo en conta que Galicia ten o 98% da cota de xurelo que lle corresponde a España. Por iso, subliñou, Galicia está traballando na obtención de datos económicos de impacto por portos e frotas co obxectivo de levalos a Madrid e Bruxelas a final de mes para facer valer os aspectos sociais e económicos das pesqueiras.