Rábade: A ruta dos tres municipios

TerraChaXa
Parte da Lagoa do Rei e atravesa tamén os concellos de Begonte e Outeiro de Rei durante un percorrido de 8,5 quilómetros.
lagora de rei ruta rabade
5 Maio 2024

Parte da Lagoa do Rei e atravesa tamén os concellos de Begonte e Outeiro de Rei durante un percorrido de 8,5 quilómetros.

A ruta dos tres municipios é un percorrido deseñado polos alumnos do Colexio Especial de Santo Anxo e que recibe este nome porque pasa polas terras de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei. Conta con 8,5 quilómetros para desfrutar da paraxe natural e patrimonial desta contorna de dificultade baixa e aproximadamente dúas horas de duración.

A Lagoa de Rei é o punto de inicio deste percorrido, un enclave natural que forma parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño e que durante os últimos anos, a través do programa Life Fluvial da UE recibiu varias melloras, entre as que se atopou o acondicionamento do observatorio de aves. Ademais, tamén se mellorou o trazado de unión da mesma co río Miño e coa ruta perimetral rabadense, unha que percorre todo o termo municipal.

Antes de dar comezo a esta ruta dos tres municipios poderemos facer unha pequena visita en Rábade para coñecer o seu patrimonio cultural, entre o que se atopan dúas casas e unha capela propiedade da familia González-Barreira. Ademais, poderemos ver o Pazo de Miraflores, unha estrutura rectangular de dúas plantas que loce na súa fachada principal e na galería lateral sendos escudos. Tamén as tres pontes que cruzan o leito do Miño, unha delas posiblemente de orixe romano.

Desde este punto tomaremos dirección oeste e continuaremos o camiño que atravesa a zona de Carpaciñas, onde poderemos observar unha pequena ermida. Seguindo o itinerario chegaremos a Santo Estevo de Uriz, onde podemos facer unha pequena parada para visitar a igrexa parroquial. Esta construción eclesiástica foi moi remodelada recentemente, e conta con planta de cruz latina ademais dun retablo maior e dous laterais.

Volvendo ao camiño, deberemos percorrer uns cantos metros para tomar unha pequena desviación a man esquerda onde as casas de pedra conformarán a paisaxe durante este tramo ata que un novo sendeiro nos achegará ata a beira do río Ladra, importante afluente do Miño. Xusto neste punto poderemos observar un vello muíño.

Aquí dá comezo un tramo dun quilómetro no que atoparemos o regato das Regas e o noso itinerario continuará pola dereita ata chegar a un grupo de casas que xa pertence ao lugar de Caboi. Dende aquí tomaremos unha desviación á dereita que nos conducirá de volta a Santo Estevo de Uriz e Astariz. Para rematar, xiraremos á esquerda e o camiño levaranos de volta ao punto de partida.

0.18323922157288