Rábade acolle a proxección dun documental sobre os impactos dos parques eólicos

A Casa das Insuas, en Rábade, acollerá este domingo 8 de febreiro, ás 20.00 horas, a proxección do documental Vidas irrenovables, unha obra crítica que analiza e denuncia os impactos sociais, territoriais e ambientais derivados da implantación desordenada de macroproxectos de enerxías renovables, tanto eólicos como fotovoltaicos, no medio rural español.
A actividade está aberta ao público e non require inscrición previa. A proxección enmárcase dentro do acordo de custodia do territorio asinado entre a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) e a Deputación de Lugo, orientado á conservación, investigación e divulgación da natureza nas Insuas do Miño e Ollos de Begonte, así como na Reserva da Biosfera Terras do Miño.
O documental propón unha reflexión sobre o modelo actual de desenvolvemento das enerxías renovables e as súas consecuencias nas comunidades rurais, poñendo o foco na perda de equilibrio territorial, na afectación aos ecosistemas e no impacto social que sofren as poboacións locais. A iniciativa pretende xerar debate e conciencia cidadá arredor dun tema de crecente actualidade e relevancia en Galicia e no conxunto do Estado.