O Pavillón Municipal de Rábade será escenario o vindeiro 15 de xaneiro do I Torneo Escolar de Datchball, unha cita deportiva dirixida ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria que reunirá a centros educativos de diferentes concellos da contorna.
No torneo participarán o CEIP Plurilingüe Virxe do Corpiño, de Begonte; o CEIP Ramón Falcón, de Castro; o CEIP Plurilingüe Santo Estevo de Parga, de Parga; o CEIP Otero Pedrayo, de Rábade; o CEIP Terra Chá, de Román; e o CEIP Plurilingüe de Xermade, representando ao seu concello.
A competición nace coa intención de fomentar a práctica deportiva en idade escolar, promover hábitos de vida saudables e favorecer a convivencia entre o alumnado a través do deporte. O datchball, unha disciplina en auxe nos centros educativos, combina dinamismo, traballo en equipo e respecto polas normas, converténdose nunha ferramenta educativa de gran valor.
O evento conta coa colaboración da Agrupación Deportiva Terra Chá, o Concello de Rábade e o programa Xogade, impulsado para a promoción do deporte en idade escolar en Galicia. Desde a organización destacan a boa acollida desta primeira edición e confían en que o torneo se consolide como unha cita anual no calendario deportivo escolar da comarca.
